Tribuna Viva
O BNG demándalle á alcaldesa que escolla entre Marín ou Madrid
Diante da candidatura da alcaldesa de Marín ás próximas eleccións xerais, encabezando a candidatura do seu partido, o BNG de Marín presentou no pleno da corporación unha serie de preguntas sobre a cuestión.
En base ás contestación recibidas no Pleno, e posteriormente nos medios de comunicación, consideramos que estamos ante unha falta de respecto co pobo de Marín que a catro meses de acceder á alcaldía a Sra. Ramallo se presente a deputada. Non se poden solucionar os problemas de Marín desde Madrid, nin se pode desenvolver a labor de deputada no Congreso desde Marín. Non se poden compatibilizar estes dous cargos durante catro anos sen desatender aos dous.
Non é certo, como manifestou, que renuncie ao salario do concello. Os dous salarios son incompatíbeis e pretende colarnos isto como unha decisión persoal. O que non di é que seguirá cobrando dietas por asistencia a plenos e comisións e que escolle o salario de deputada por que é máis alto.
Por último dicir que a candidatura da alcaldesa de Marín é un síntoma de debilidade do PP, que ten que botar man da Sra. Ramallo por que non ve claros os resultados electorais. Ao PP non lle importa descabezar institucionalmente Marín para tentar acadar uns poucos votos máis nas próximas eleccións xerais.
Desde o BNG demandámoslle á alcaldesa que escolla entre Marín ou Madrid e renuncie a un destes cargos. Marín ten moitos e importantes problemas que precisan solución e dedicación, e esta non pode ser virtual.
Marín, 14 de outubro de 2019
Asdo.: Pedro Cortegoso Gago
Vice-responsábel do BNG de Marín