Celso Xavier Milleiro Sánchez
Clima
O pasado día 27 rapazas/ces de Marín convocaron unha manifestación para concienciar á sociedade sobre as consecuencias do cambio climático e a necesidade de provocar un punto de inflexión na actual situación.
Está moi ben que as/os mozas/os tomen conciencia e se involucren nos problemas sociais e cotiás da poboación mundial. Temos a obriga de deixar ás xeracións vindeiras un mundo mellor do que atopamos. Por desgraza isto non acontece e cada vez o planeta está máis enfermo e danado pola man do home.
Vivimos nunha situación histórica na que nos xogamos o ser ou non ser da humanidade. Agardo que esta iniciativa non fique nun efecto baleiro das redes sociais, moitas das cales non se mergullan en procurar as razóns que expliquen cal é a raíz do problema. É necesario crear unha sociedade que exercite a crítica e o pensamento, que teña a maior información procurándoa en todos os medios posíbeis, que faga medrar o interese por coñecer as causas da actual conxuntura: un sistema capitalista voraz que deixa miseria no mundo.
Por último, lamentar que na concentración destas/es mozas/os non fixera uso do galego que ao igual que o clima está en perigo de desaparición; un ben patrimonial a coidar e usar. O idioma é outra vítima desta globalización terrorífica.