Antón Roel Villanueva
Brumario poético
Novembro, cando na Ferrería agroman os crisantemos e a praza é un mar de flores, caen as follas das árbores paseniñamente como nun suicidio colectivo creando unha policromía de cores no chan. É estraña a natureza que cando mellor locen as árbores cheas de roxos amarelos verdes e ocres, de súpeto as follas abandonan e deixan só tristes e núas as ponlas como obras de arte de beleza efémera, que cada ano acontece na outonía. Chove e o vento tráenos como cada ano poesía e cultura grazas á Fundación Cuña Casasvellas co seu Brumario Poético que xa cumpre quince anos dende aquel lonxano primeiro Brumario no mítico pub Albatros.
No tempo das castañas asadas e calacús cando agroman os acivros nos nosos montes onde acouga o cogomelo a carón do carballo centenario que resiste a invasión do eucalipto nos tempos confusos que estamos a vivir. De súpeto na nosa cidade prodúcese o miragre de que alguén pida unha tregua para a poesía e como un novo frautista de Hamelín as xentes da non violencia e da cultura da cidade imos detrás de Miguel Cuña, herdeiro e continuador dunha estirpe de poetas, Manuel Cuña Novas e Jorge Cuña Casavellas, que ano tras ano, xunto ao traballo xeneroso e solidario de homes e mulleres da Fundación Cuña Casasvellas logran que non se apague o facho da cultura e non caian no esquecemento moitos poetas e gardanes da palabra nosos, a quen todos os anos visualizan e poñen en valor, ademais de traer á cidade outros que non coñeciamos.
Nestes días de choiva e brétema no Teatro Principal asistimos a maxia da palabra e reconciliámonos coa poesía combativa da nosa infancia onde cada intre era unha rosa roxa escoitando recitar a fermosísima e combativa poesía de Nicolás Guillén e voltamos outra vez a pechar a muralla aos pensamentos totalitarios que xa inexuamente críamos que non voltarían. Descubrimos que Manuel Ruibal, un gran pintor, tamén é poeta; asistimos á homenaxe a Julia de Burgos; os vinte séculos de poesía chinesa; e por suposto, o homenaxe entrañabel aos nosos Manuel e Jorge sempre na nosa memoria.
Parabéns para a Fundación Cuña Casasvellas por estes quince anos de outonos de poesía, cultura e resistencia; nestes días de axitación e propaganda e consignas políticas que moitas veces non se cumpren é bo ter na cidade, no Teatro Principal, un refuxio para ataques aéreos da incultura e manipulación escoitando poesía.