Pedro J. Peón Estévez
Ninhos baleiros
O 13 de octubre de 2018, o que suscribe deixaba, neste mesmo apartado, a opinión que lhe merecía o estado da estrada 546, ou Rosalía Castro, ou "estrada velha de Marín", ou vaian vostedes saber que máis. En todo este ano trascorrido a cousa segue igual de mal que estaba entón...ben; igual non. Tralo meu escrito chapodáronlhe de mala gana as hebeiras das beirarúas e máis nada ata hoxe. Non sei quen tal fixo nin me importa, mais... que non espere que eu lhe agradeza que fixese algo polo que cobra do erario público e que, encima executa mal, tarde e arrastro. A quen si agradezo de corazón é á Asociación Vecinhal Estriceres pola súa valente traxectoria histórica e, máis recentemente, por ter manifestado publicamente o seu malestar polo mal estado (vaia a redundancia) da devandita e calamitosa estrada. Eis a explendorosa entorna da Biofóbica, eis o éxito do seu fachendoso "plan social", eis a mesquindade, a arrogancia, o desprezo. A quen quixere conhecer esta realidade de primeira man, bástalhe con percorrer a pé este tramo de estrada pero extremando as precaucións pois pode ser esta unha aventura arriscada e perigosa. Recoméndase levar casco.
"Ninhos baleiros " é o título dun velho proxecto meu, un de tantos que non levei a termo. Trataba do rosario de construccións de corte modernista, as máis delas, enfiadas na estrada 546 no tramo que vai desde a "curva de Raimundo ata o nó dos Praceres, é dicir: o arco de costa que abrangue a enseada de Lourizán.
Doctores, eruditos ou artistas de diversa índole ergueron as súas vivendas habituais ou de recreo neste recanto único. Vilas e chalets de moi fermosa factura adornaban, cada canto, estas paraxes sen igual. Baste para dar fé da excelencia desta entorna dicir que Eugenio Montero Ríos, podendo escolher calquera lugar de Espanha para erguer o seu pazo senhorial, veu a erguelo aquí. Por algo sería. Pois ben; algo aconteceu nos primeiros sesenta que fixo que os habitantes desas quintas fuxiran todos a unha sen deixar rastro. Alí só ficamos os que non tinhamos para onde ir. Para ilustrar todo isto baste un dato revelador: nesa contorna non se construiu nada nos últimos corenta anos!
O primeiro Ninho Baleiro xa non existe. Estaba abeirado á PO 546 e moi próximo á nave da antiga constructora Raimundo Vázquez. Foi desmantelado pedra a pedra para ser reconstruído nalgures lonxe dalí . Era un fermoso chalet de canteiría fina de baixo e planta onde viviu F. Xabier Sánchez Cantón, intelectual franquista director do museo do Prado e presidente da Real Academia de Historia e alí mesmo finou atendido pola nosa vecinha Matilde. Co tempo construiuse, no solar, unha linha de adosados. Tras del, e un tanto máis elevado, ergueu Sebastián Fabelo Mariño (xerente de T.E.P.S.A.) o seu ninho cunhas boas balconadas para ver os solpores multicor sobre a boca da ría mentres soprase o vento, medrase a herba e o ceo fose azul. Pero un día o vento deixou de soprar, a herba de medrar e o ceo de ser azul (que diría o velho indio) e o solpor tornouse cincento, esborralhado, mouro...e a D. Sebastián chegoulhe o seu propio solpor. E tamén ó seu T.E.P. ( Tranvía Eléctrico de Pontevedra ) dalí a pouco.
Abancando Pontemuínhos chegamos ás Cocheiras e atopamos o chalet modernista do Dr. Crescencio, especialista do pulmón, creo lembrar. Algunha vez estiven no seu interior pero só tenho un recordo moi difuso de hai sesenta e algúns anos. Desculpen pero escribo estas verbas sen documentarme nada, tan só valéndome da memoria directa que, por veces, é un tanto fráxil. Nesta casa viviu unha tempada o primeiro director da celulosa. Arestora coido o habitan a ex e os filhos dun tal Carballo de triste memoria.
A seguir vén a casa que fora de D. Eulogio, o meu aprezado profesor e vecinho que me levou para o seu colexio en Marín. Nas manhás de verán ponhíame clase nesa quinta; unha longa conta para resolver mentres el lía o xornal. Sempre remataba antes ca min pois eu, en lugar de darlhe á aritmética, adicábame a paparlhe as laranxas que conservaba no cuarto da torre. Esas froitas provinhan de duas fermosas laranxeiras que medraban na fronte. Axinha foron carbonizadas polos gases da celulosa.
Foi armacén e oficina da tristemente célebre draga "Amparo", a que veu chuchar a area do banco marisqueiro para formar o basamento da celulosa. O can do capitán da tal draga ( un pastor alemán tolo ) cravoume os cairos nunha perna. Non pasou nada; eu estaba vacinado. Despois foi sede da contructora Varela Villamor perante moitos anos. Arestora alberga unha empresa de venta de coches usados que tamén vende a propia casa.
Uns metros máis adiante fican abandoados os restos do chalet de Dona Concha. Ese é, sen dúbida, o máis triste e sangrante dos Ninhos Baleiros. En aras do grato recordo que me merece esa dama, paréceme digna dun tratamento especial que abordarei non tardando moito.
Despois encaramos co chalet "das arcadas" que eu lembro sen rematar por décadas. Alí vivira un tal Luís Méndez e Pepita, a súa dona. Non lembro gran cousa desta parelha agás que tinhan un pequeno camión rotulado " Transportes Méndez "Haberá cousa de vinte anos, a casa foi mercada e rematada polos vecinhos Paco o de Pastora e familia que son os actuais donos.
Un chisco máis adiante atópase o Meu Lar, unha fermosa quinta dunhas tais senhoras de Malvar, creo lembrar. Foi mercada pola parelha de vecinhos Dolores e Diego que o rehabilitaron e salvaron da inminente ruína.
Inmediatamente despois fica o chalet de Tourón. En tempos estivera habitado polo doctor Pombo e a súa entranhable e solidaria companheira lembrada como "a senhorita" e " a madrinha " pois, de feito, érao de boa parte dos nenos do barrio.
Contaremos neste grupo ó Pazo de Montero. A pesar das varias obras levadas a cabo na súa quinta, o seu deterioro é demasiado patente habida conta do moito que que significou na historia deste país. A partir dos anos sesenta o seu declive foi imparable pese a certas truculentas manobras de índole política e/ou comercial dun partido e unha empresa moi dados ó postureo e a propaganda.
No mesmo núcleo de Lourizán ( hoxe chamado Igrexa ) estaba o chalet do pintor Carlos Sobrino. Denominado erróneamente Monte do Signo era residencia ocasional do xenial artista. O seu nome correcto sería Monte do Sino ( de sinal, campá ) Foi mercada e ampliado polos vecinhos Félix e Lola hai xa moito. A D. Carlos, os nenos chamábanlhe "coquito" pois banhábase vran e inverno no mar, onde está emprazada a Elnosa, e a súa careca cabeza parecía realmente un coco a aboiar.
Nese mesmo recanto foi construido nos primeiros sesenta a residencia "Os cedros". Os seus donos fuxiron, a fume de carozo, tan pronto lhes chegaron os primeiros efluvios da celulosa. Case en fronte dese último atópase ( baleira, por suposto ) a casa máis antiga do lugar: a dos Bermúdez.
Entrando nos Praceres atopamos, pola man dereita, o chalet do dermatólogo Dr. Cruces. Esa vila fora do Sr. Gasalla, un ilustrado indiano que foi rematar os seus días a Madrid, xunto coa sua esposa, por non poder aturaren os gases provintes de Lourizán.
Nos Praceres e fronte o "Scalextric" da autovía esmorece o chalet da Galería que, encaramado nunha lomba, ten un aspecto de residencia de Norman Bates que arrepía.
A estampa poderíase completar con outras víctimas da polución como son a praia e colexio dos Praceres maila ilha de Tambo pero ese pode ser tema para outra intervención.
Algún día, pasados uns séculos, virán os arqueólogos a estudar nestes restos a causa deste extranho éxodo.