José Freire
Crise no ministerio do Interior
Son moitos os comentaristas políticos e tertulianos, coido que tamén a cidadanía en xeral, que están pedindo a berros unha crise no goberno de D. Mariano Rajoy. Fálase dos problemas que está a ter Gallardón coa Lei do Aborto, Wert coa da Educación, o mal que se entenden Guindos e Montoro, ou a situación de Ana Mato ao respecto da súa relación coa trama Gurtell, pero case que ningún deles se está a fixar na xestión de Jorge Fernández Díaz como Ministro do Interior.
Coido que un dos erros máis graves que cometeu o Presidente do Goberno foi o nomeamento do seu amigo Jorge Fernández como Ministro do Interior.
Á persoa elixida, presentábanselle retos tan importantes como o de loitar contra un incremento considerable da delincuencia, xestionar o final da banda terrorista ETA e dignificar e modernizar os Corpos de Seguridade do Estado.
Nada diso se fixo e o Ministro non so fracasou estrepitosamente, senón que cometeu erros de vulto en asuntos moi delicados. A cotío veuse superado polas circunstancias. No seu Ministerio non sempre se fai o que se quere nin se di o que se pensa, pero está sendo unha decepción clara.
Será recordado polas súas meteduras de pata: falar máis da conta; por facer todo o posible para que o asasino Bolinaga fose excarcerado (como se fora un ministro de Zapatero e non de Rajoy); por anunciala detención dun terrorista antes de producirse; por filtrar datos dunha comisión rogatoria xudicial reservada; por denunciar a un particular publicamente porque non fixo unha denuncia de ocupación da súa finca durante as seis primeiras horas; por haber provocado un caos organizativo en Interior; por castigar ao Secretario de Estado e non deixarlle entrar nunha comida co ministro búlgaro; por castigar ao director xeral da Policía (cuxo nomeamento foi un grave erro pola súa parte) deixándoo no corredor namentres despachaba con mandos policiais; por haber esixido o nomeamento dalgún amigo do seu irmá na Xunta de Goberno da Policía; por falar sen contención durante horas e provocalo desmaio dos policías nas tomas de posesión; por non ter palabra, ao comprometer unha rehabilitación dun funcionario policial na súa primeira e única asistencia ao Consello da Policía e non cumprila; por haber dito que había unha investigación ilegal no caso do ático do Presidente da Comunidade de Madrid, en Marbella, e pechar calquera vía de investigación, que a día de hoxe non está pechada; polo uso do bastón de mando (en isto lle acompaña o director xeral da Garda Civil) e por ser España o único país de Europa con dúas Oficinas racionais en Europol: a da Policía (avalada por la lei 2/86) e a da Garda Civil, avalada polo seu capricho.
Nun país do centro ou norte de Europa, un Ministro que nunha comparecencia pública, sen que viñera a conto, manifesta algo así como que o aborto "ten algo que ver con ETA, pero non demasiado" tiña as horas contadas no goberno.
¡ E mira que non tiña onde elixir D. Mariano !. Por exemplo a Ana Pastor, que había sido Subsecretaria co propio Rajoy en Interior, polo que coñecía a casa e con capacidade e "cabeza" suficiente para elo. Ou a Antonio Basagoiti, home que se significou pola súa coherencia e decencia na loita contra o terrorismo.
Pero aquilo xa foi e agora so nos queda esperar á que se presupón primeira crise do goberno de D. Mariano Rajoy, e namentres a seguridade da cidadanía seguirá deteriorándose, a criminalidade seguirá crecendo e o espazo de liberdades e dereitos da nosa democracia retrocederá de xeito imparable.
Para que iso non suceda hai que ter vontade de lexislar de xeito enérxico e comprometido, de dotar cos orzamentos axeitados aos corpos de seguridade, feito que incide na súa escasa especialización e carencia de medios técnicos e materiais; e de abordar políticas preventivas para que sirvan de incentivo a quen actúa á marxe da lei.
E para iso fai falta unha persoa comprometida con estes principios e escoitar aos profesionais de verdade, non aos aduladores de quenda.
Como o falar non ten cancelas, permítame D. Mariano, que lle diga que eu coñezo a un político do seu partido, que me ten amosado ese compromiso, que coido podería facer un bo papel nese Ministerio: Alfonso Rueda Valenzuela.
Máis, non deixa de ser un falar. Ao final, como é lóxico, vai facer Vostede o que lle pete e moito me temo que a consecuencia será o ter que seguir soportando ao Sr. Fernández.
Nunca mellor dito: ¡que o Señor nos colla confesados!
08.06.2013