Mar Seaxá
O gato metido nun saco
Os gatos metidos nun saco e enterrados ou afogados no río, os cans mortos a perdigonadas, aforcados, deixados ceibes polo monte á súa sorte. Unha galería do horror da que o home está afeito para quitarse de enriba animais que xa non lles fan falta, dos que non lle van sacar ningún proveito.
A natureza humana penso que non é así de cruel, creo que aínda hai cada vez menos individuos que non teñen nin un pouco de compasión. Nin cara ós animais nin cara ás persoas. Quen maltrata a un animal é quen de matar a un veciño polos marcos da súa leira ou á súa muller porque ese día el se ergueu con ganas de follón. O caso é ser o dominante, desprezando aos demáis. A vida dunha persoa, para ese individuo, nin sequera vale nada. Daquela, imaxinade a dun animal.
Fai falta unha lexislación específica para que os animais non estean desprotexidos, ben é verdade que se están dando pasiños, pasiños de geisha, aos poucos e sen facer ruido. Pasiños que fan algo, pero non o suficiente.
Agora non se pode pegar a un can, non se lle pode ter atado todo o tempo, ténselle que dar coidados e alimentalos. Pero non chega, aínda estamos a anos luz doutros países nos que non hai abandonos de animais, onde a concienciación, se non xurde de maneira natural, hai leis que fan que o can ou o gato esté protexido.
Falo sobre todo de esterilizar aos animais para que non haxa cría indiscriminada, que logo convírtese en abandono, ou mesmo en controlar os criadeiros de razas polas que se pagan moitos cartos no Nadal e abandóanse antes do verán. Falo de que non todo o mundo pode ter can, ou gato, que hai que saber antes se si ou se non é convinte telos. Falo de calquera animal que pode ser convertido en mascota, cobaias, hamsters, coellos... a lista é grande.
Mentres a lexislación non vaia polo camiño no que van as lexislacións de outros países, eiquí a cousa vaise tentando solucionar coas protectoras, sempre saturadas e sempre sen axudas, ou con pouca, das institucións.
En Pontevedra, que eu saiba, hai polo menos tres protectortas, das que case na maior parte están xestionadas por mulleres, nas que elas fan a maior parte do traballo. Casualidade? Creo que non, penso que é por algo. Déixoo así, para que cada quen saque as súas conclusións.
Sen as protectoras, os animais abandonados terían unha vida moi curta e moi miserable. Pero ao mellor, non nos decatamos de que fan un servizo público á comunidade, polo que non son recoñecidas. Que pasaría se non as houbera, quen se ía preocupar polos animais abandonados? Os concellos, as diputacións, o Estado? Non, non se ía preocupar ninguén.
Hai certos espazos xestionados pola iniciativa pública que si, recollen animais e tentan buscarlles un fogar, pero tamén é certo que teñen a man moi aberta ao gas letal ou as inxeccións para sacarse de enriba a masificación. As protectoras non. Non matan animais cando teñen o cupo coberto, sempre están ata arriba, ben nas instalacións, se as teñen, ou botando man de casas de acollida, nas que voluntarias fan da súa casa unha canceira improvisada. Eso hai que agradecerllo ás persoas das asociacións que adican gran parte da súa vida ao coidado e á procura dun fogar seguro para estes animais.
Nestes días, as rapazas da Canceira de Poio están pedindo axuda desesperada, porque queren que se lles bote unha man para poder seguir levando adiante a súa labor. Xa non poden máis, están tentando que o Concello se implique no mantemento da canceira. Unha petición que non tivo resposta nestes anos que levan traballando.
Hai que agradecerlles a súa dedicación e o seu esforzo por seguir adiante, ao igual que ao resto das protectoras. E hai que pedirlles, esixirlles, ás institucións, que se impliquen con elas. É de xustiza.
Que a canción do gato metido nun saco sexa iso, unha triste canción, e non a terrible realidade que están a sufrir os animais.