Tribuna Viva
Programa de revogación voluntaria da licencia de condución
O aprazamento do xuízo polo atropelo dos cilistas de Oia devolve ao debate publico o problema que supón a perda de capacidades físicas para conducir un vehículo a motor.
En España e máis concretamente en Galicia aínda non se abordou un problema que vaise ir incrementando, aqueles condutores que por idade perden as súas facultades para utilizar un automóbil e que seguen a necesitar del. Para aqueles usuarios da vía é un tema de especial interese xa que existe unha percepción de gran inseguridade na estrada.
Cando un condutor de automóbil atopase cunha bicicleta ou grupo de bicicletas na estrada ten que aminorar a velocidade para adaptarse a velocidade de circulación das mesmas, manter unha distancia de seguridade que como mínimo debe ser de 5 a 7 metros, e cando non ven outro vehículo polo carril contrario proceder a realizar un adiantamento cunha separación lateral non inferior a 1.5 metros podendo cruzar a línea continua se é preciso.
Esta manobra de adiantamento a ciclistas foi o que fallou no caso de Oia e o condutor arrolou ao grupo producindo falecidos e feridos graves. Unha manobra sinxela para un condutor en plenas condicións físicas pero que tornou en desastre neste caso.
A solución que ven de Xapón para o envellecemento dos condutores de automóbil. A mesma problemática que en Galicia.
En Xapón, país co que Galicia comparte un alta porcentaxe de poboación en avanzada idade que é usuaria de vehículos a motor para os seus desprazamentos, dende 1998 teñen un programa para aquelas persoas que devolven a sua licencia de condución. O estado en Xapón fomenta a revogación de licencia de condución con axudas para o uso do transporte público.
Pedaladas solicita á Xunta un programa de axudas a revogación de licencias de condución en Galicia, para que aquelas persoas en idade de xubilación e que revoguen a súa licencia de condución accedan a unha maior subvención ao transporte público e ao transporte a demanda co fin de reducir o impacto para a Seguridade Viaria, así como garantir o dereito de mobilidade das persoas de maior idade.
O automóbil só é preciso para a mobilidade se a administración non facilita as alternativas de mobilidade como é o fomento da mobilidade activa, a pé ou en bicicleta, xunto cun transporte colectivo de calidade.
O uso do automóbil require dunhas boas condición físicas, e a vez que a administración debe facer un reforzo na disciplina dos exames físicos, é preciso articular alternativas de mobilidade para que os condutores non alonguen fora do fisicamente recomendable a condución dun automóbil xa que é perigoso para o resto de usuarios da vía, sobre todo para os colectivos vulnerables como son peóns e ciclistas.
Asociación Pedaladas