Pedro J. Peón Estévez
Fotofilia
A fotofobia é unha doenza un tanto rara pero doenza a fin de contas. Pola contra, a fotofilia está a se por de moda de xeito expansivo e perigoso entre os concelhos grandes e pequenos respondendo a unha ecuación inversamente proporcional, é dicir: a máis luces nas rúas, menos luces nas cacholas de alcaldes e equipas gobernantes. Aínda lembro aquelas normativas municipais que, coa crise do 75, tentaban atalhar o gasto enerxético en rúas, comercio e mesmo nos domicilios particulares. Pero eses foron tempos dabondo superados. agora o que cómpre é o despilfarro desbocado, visto que a austeridade será todo o coerente que vostede queira pero non é negocio en absoluto para as enerxéticas nin deixa comisións neses petos que vostede e eu sabemos nin enche de patriótico orgulho ós paisanos de tal ou cal povoación, trocando o Nadal nun pintoresco "Villaarriba vs. Villaabajo".
Eu sempre pensei que o povo vigués era uhna sociedade crítica e esixente. Hai xa uns anos que non penso tal...e mira que lhe tenho lei a esa cidade e a aquelas xentes..! Pero o reinado de Caballero é algo que me custa dixerir desde que o vin nun entroido en García Barbón, entre comparsa e comparsa, saudando urbi et orbi, sen se por colorado, e todo cheínho de razón. E o peor de todo: o populacho adorábao.
E por aquí que? Hai cousa de dous nadais atrás, as forzas vivas capitalinas puxeron o grito no ceo: o Pirulí da Ferraría era moi artístico, moi surrealista e moderno; o que queiras, pero víase POBRE! E iso si que non; iso xa sería o último. Xa se sabe que nunca acadaremos o poderío de Vigo pero hai que estar aí, á roda, con moitas bombilhas, que nós non somos menos ca ninguén...érache boa!
Non senhor. Non penso ir ver as luces de Vigo, a colapsar a autopista mailos comboios. Os extremenhos (e algún alentejano) van a Madrid ver o alumado e algunha outra vez á " Milha de Ouro "a pagar o pato, feito tradicional e ostentoso onde os haxa, pero eu non penso ir a Vigo por máis que os da Galaxia Andrómeda pensen que na nosa Vía Láctea estoupou unha supernova ( disque dixo Abel ).
E falando de luminarias ostentosas...alguén lembra algo chamado pigherilmente " An(h)ellus "? Eran aquelas isobaras coloradas que envolveron o edificio de caldeiras da Biofóbica de Lourizán coa peregrina pretensión (unha máis) de integrar o enxendro na entorna e o único que conseguiron foi provocar terrores nocturnos a esgalha. Disque a súa autora se inspirara no inferno de Dante. Créolho ben. O empalilhamento actual tamén acolhoa o seu. Iso si que merece ser visto e non as luces de Vigo.
Disque Vigo é a nova Luctecia romana, arrebatándolhe o título a París, que nin plantándolhe lume a Notre Dame consegue brilhar tanto. Tamén Galiza anda a piques de ser nomeada "Candea de verán" con tanto incendio forestal. E seica disque Chaplín rodaría hogano, Luces de la Ciudad en Vigo...boh!, faladurías...
Ai Caballero, pilhabán..."Como ei vivir manhá sen a luz túa?"