Marta Rodríguez Engroba
Sr. Presidente, tamén na violencia de xénero, obras son amores
Hai tempo que cheguei a conclusión de que ler os xornais ou escoitar as noticias xa acadou a categoría de deporte de risco para min, porque raro é o día no que facelo non me provoque unha onda de indignación e mesmo taquicardias....e non é unha frase feita!.
Cada vez que isto me ocorre, penso que a cousa non pode ir a peor, pero, craso erro!.
É o pan de cada día atoparme de bruzos con algún despropósito que supera os anteriores, e que ten a facultade de volverme do revés.
Esta semana, como non podería ser menos, non foi a excepción, e o encargado de alegrarme o día foi, nin mais nin menos, que Alberto Núñez Feijóo.
Lamentábase o presidente da Xunta de Galicia de que a oposición, dí, "politice a violencia de xénero", e, ainda por riba, poñíalle a guinda ao pastel dicindo que o facía "en nome de todas as mulleres de Galicia", e acusaba a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, de "utilizar as mulleres que están sufrindo a violencia de xénero para facer política da peor".
Mi madriña!. O que me quedaba por escoitar!.
E todo isto, naturalmente, nunhas datas moi oportunas, co 25 N prácticamente asomando xa pola porta.
Non se imaxina o Sr. Feijóo canto me gustaría telo diante nese momento e poder dicirlle, mirándolle aos ollos, como muller, como vítima de violencia de xénero, e, por riba de todo, como voz de tantas mulleres que veñen a solicitar axuda a Si, hai saída, o colectivo do que formo parte, unhas cantas cousiñas.
En primeiro lugar diríalle que, efectivamente, ten razón nunha cousa, na utilización política que se está a facer da violencia de xénero, e da que non se libra, en maior o menor grado, ningún partido, non nos enganemos.
É absolutamente indecente o manexo que se fai de tanta dor, manexo que este ano, cunhas recentes eleccións xerais celebradas e as autonómicas xa a vista, está acadando cotas difíciles de superar, porque se hai algo que todas as cores políticas teñen claro, é o rendible que resulta utilizar a violencia de xénero, a causa "de moda" e que vende.
É, sen dúbida algunha, o "must"que todo partido debe esgrimir no seu programa, con ou sen coñecemento do que manexan, porque esa é outra cuestión.
De teorías están todos ben servidos, agora ben, de coñecer a realidade están mais que lonxe, de ahí que prometan e prometan o que na maioría dos casos queda en fume, porque falar por falar, sen saber o que se ten nas mans, é o que ten, que non serve de nada....para as vítimas, neste caso, porque para eles si serve. Son moitas as cadeiras e os despachos que se ocupan grazas a violencia machista, co conseguinte "calorciño" para os petos dos afortunados.
Mais o colmo dos colmos é que sexa precisamente o señor Núñez Feijóo quen recrimine a utilización política da violencia machista e das súas vítimas, e para mostra do que estou a dicir non hai mais que observar o desplegue que, desde hai meses, desde a Xunta, están a facer, nunha especie de carreira de fondo, para acadar o podio do lucemento nesta materia e sumar, porén, o número de votos que lle permita a él ficar en Monte Pío, rodeado, obviamente, dos seus acólitos, que, naturalmente, o merecen, que para eso están despregando todas as súas ferramentas nunha exhaustiva campaña disfrazada, eso si, de concienciación.
É alucinante ver como, a golpe de talonario, as postas en escena se suceden unha tras outra.
Os fondos destinados a organizar actos nos que congregar a todo aquel que é alguén, que garanten un aforo mais que cheo, desbordado, e, por suposto, coa cobertura mediática pertinente, corren coma a auga no río nestes días nos que tanto chove.
Resulta insólito como persoas, mesmo colectivos, que nada teñen que ver nalgúns casos coa violencia de xénero, de súpeto fan dela a súa prioridade e se engaden a organización de eventos, eventos que son, por suposto, xenerosamente retribuidos, tanto que, de feito, as veces non teñen moi claro en que investir todos eses fondos nun eido que lles resulta totalmente alleo.
Hai, eso si, unha premisa fundamental: Tentar por todos os medios que aqueles que realmente traballan con vítimas de violencia de xénero por convicción, porque cren no que están a facer, sexan borrados do mapa para que non representen un atranco e o seu negocio non quede en evidencia.
Díxolle o Sr. Feijóo a voceira do Bng, "leccións de como protexer as nosas fillas, as nosas mulleres e as nosas nais da violencia machista, ningunha" .
Sen verbas.
Tan só lle faría unha pregunta ao presidente: Con cantas vítimas de violencia de xénero tratou, ou trata vostede directamente para interesarse polas súas necesidades, polas eivas na súa axuda, pola súa desprotección, pola súa dor, pola dos seus fillos?.
Con cantas?.
Falou, por citar tan só algúns exemplos, con algunha das mulleres que non pode rachar co seu verdugo porque carece dos recursos mais elementais para subsistir, ou con algunha das que, unha vez denunciado o seu agresor se atopa sen a protección que require, ou coa que ve como seu fillo ten que marchar fin de semana a fin de semana co desalmado que tentou matala porque a xustiza así llo esixe?.
Quere que siga?. Podo asegurarlle que teño una longa lista.
E tamén lle faría un rogo, en nome das vítimas da violencia machista e de todas as mulleres en xeral: Deixe de utilizarnos, de faltarnos ao respecto, e, por riba de todo, deixe de dicir que fala no noso nome, porque a inmensa maioría de nos non nos sentimos representadas en absoluto nin por vostede, nin polo seu discurso.
Cada historia de violencia de xénero implica unha enorme dor, un inmenso desgarro.
Deixe de utilizarnos como estratexia política, e, se realmente tanto lle preocupamos, poña os pes na terra, empápese da nosa realidade.
Proporciónenos os recursos precisos para que tantas mulleres, tantas crianzas, poidan sair do inferno que están a vivir por mor da violencia de xénero.
A retórica, os discursos oportunistas, as postas en escena, non salvan vidas.
Na violencia de xénero, Sr. Presidente, como no resto da vida, obras son amores......
Asociación Si, hai saída