Xesús López Fernández
A praza da Nova Economía
Pola que fora tavez a máis fermosa praza de Galicia, a praza da Verdura, en Pontevedra, non hai moitos domingos que unha señora, paseando por alí, descobría unhas pezas de louza das que, curiosamente, tiña fotografías por seren da súa propiedade. Eran pezas que pra ela e unha súa irmá tiñan un valor romántico e que deixaran apiadas i embolsadas nun vello piso seu pra, cando o estimasen oportuno, trasladalas a outro de nova adquisición. Resultado, aviso á Policía que identifica ós vendores, rumáns/romaneses, que afirman teren comprado o lote a un portugués. As propietarias recuperan o que quedaba da mercancía (coido que tres bolsas das catro desaparecidas), o que non impediría que días máis tarde, contra o mediodía, déranlles aviso de que alguén, vestido con roupa de "traballo" e coa axuda dunha carreta, estaba levando máis bolsas do remanente que quedaba no vello piso, outravolta roubo con forza a pesar das medidas de seguridade adoutadas.
Hai xa moito tempo que nesta mesma praza da Nova Economía "revitalizadora" da zona vella, un amigo mercaba un xogo de café: cinco pezas. Faltaba unha, seguramente escachada, cando lle roubaron o xogo completo nunha casa de verán, en Paramos, Tui. O home non formulou denuncia, o que sí fixo outro amigo cando veu que, ó pé do café Rúas, un fulano tiña expostas cousas que foran roubadas en Lérez, o día anterior, na casa do seu sogro. Pero máis interesante é o caso de dous candelabros, á venta na lonxa da vella Casa da Luz, antes de dedica-lo espacio ás oficinas de Terras de Pontevedra. Unha señora mostra interese polas pezas mentres outra fai un chamado telefónico. Cando a operación se está consumando comparece a Policía. A señora que fixera a chamada indicoulles: "son esos dous candelabros". O vendedor non tiña factura de compra. Etc.
Poderiamos traer aquí non poucos historias de miserias notariadas na praza da Nova Economía ou denunciar de novo a masiva ocupación dun espacio público polas terrazas, privatizado por capricho do goberno local á procura de fixa-lo seu modelo granichán de cidade, tomada polo "aldeanismo". A accesibilidade da que tanto fala Mosquera totalmente reventada. E inda hai poucos días contabanme nunha panadería que se achegara ó seu despacho un romaní pedíndolle que lle pesara na báscula do pan unha peza d´ouro. A resposta foi que non, que ademais de non ser de precisión, a empregada non quería saber nada con esas "historias" de ouro traído ou levado. Etc. Pero, en fin, parece que o roubo, polo que se ve na praza da Nova Economía, convirteuse no noso entorno nunha oportunidade de traballo: pisos roubados con forza, negocios reventados, etc. Parece como se non tiveramos policía. Ademáis de trapicheo de droga, estimamos que frecuente.
Que comerciantes da Zona Vella e a Federación Boa Vila declararan ante os medios a súa preocupación pola degradación do entorno da vella praza da Verdura, da presencia na mesmo de colectivos marxinales, da evidencia do mercadeo, ás veces, de artículos presuntamente roubados, é algo certamente oportuno. E cerro xa este comentario coa cita doutro abuso que se dá na praza da Nova Economía, tamén Nova Ecoloxía. Un auténtico escándalo a altas horas da madrugada. Van cerrando as tascas e retiran os veladores moitas veces colocados deshonestamente. Cando xa non quedan clientes e non é molestia pra eles, fan un chamado telefónico: Comparece, silandeiramente, a carroceta de Satán. Emiten unha especie de asubío: O taberneiro saca un contenedor, ou máis, con botellas de vidrio que voltea na carroceta. O ruído, un tronicio enorme. Desperta o vecindario, choran os nenos. E un, que non acostuma a facelo, síntese tentado a decir unha blasfemia. Pero, non, que Deus non ten culpa. ÿsta é do goberno local e dos taberneiros que cerran a hora indebida, axentes "sen oficio" na praza da Nova Economía. Algo que non se vixía. "¡Os veciños que se fodan!"
09.06.2013