Pedro J. Peón Estévez
Eroski - Paraíso, a película
O día 13 de decembro ( Santa Luciiaaa...), venres e trece, para máis inri, estréase oficialmente "Eroski - Paraíso", a película. Eu disfrutei esta obra non hai moito no Teatro Prncipal de Pontevedra; tamén fun dos poucos privilexiados que estivo na preestrea de Culturgal e, se santa Lucía me conserva a vista daquí a alá, penso madrugar para vela no cine o vindeiro venres trece porque, como vai ser o taquilhazo deste Nadal, non quero quedarme sen entrada (diolofaghamelhor!)
Nesta lea quen son Eva Patricia e Miguel Antonio? Onde comezan uns e rematan as outras? E Alex froito dun romance lapidario ou un mal pesadelo? Existe algún monstro bicéfalo que se chame Jorgecoiraxesusrón? Por que Muros, daquela ría alta, pasou a ser ría baixa? Parece todo tan confuso e, sen embargo, estamos ante a historia máis sinxela e fermosa xamais contada por obra e graza ( nunca melhor dito ) dos talentosos, dos sempre inxeniosos Chévere.
Ben, queiras que non, os calamares do Ghaviotas xa non son os mesmos. Tampouco Eva e Antonio malia que aínda boten un baile, pero máis xa...O tempo pasa, e pesa, e marca e...queima. Eran a forza obreira da transición no mar e na terra. Procuraban un mundo mellor co seu esforzo pero foron neutralizados por intermediarios e especuladores de libres mercados e brancas luvas. O Paraíso reconvertiuse en supermercado. As Evas e os Antonios nunca se reciclaron en gardas, militares, funcionarios nin políticos. Eles estaban nos asteleiros, na mercante, na pesca, as plataformas ou a construcción. Elas eran redeiras, mariscadoras, trabalhaban na lonxa, hostelería, conserveiras, comercio etc. Algúns e algunhas conseguiron estudar as filhas e filhos. Moitos quixeron emprender pero intermediarios de diferente catadura -tamén chamados "competitivos"- impedíronlhelo.
E mentres o Paraíso de Muros rebordaba enerxía e ilusión que era de nós, os de Pontevedra? Nós estabamos no homónimo de Bueu ou no Saturday, Dafnis y Cloe, a Condesa de Caldas, Chanteclair, Mari Tini e Dona Dana entre outros macro- alboios. Todos remataron reconvertidos en moblerías, talheres ou supermercados. Todos agás La Luna, na estrada da Corunha. Esa segue a ser macro- sala de alterne pero para xente máis ben cumprida...que tamén son de diós, ou que?
Eroski Paraíso é unha pequena xoia, o melhor agasalho que se poden facer este Nadal. Trátase de cine libre, escrita, interpretada, dirixida, producida...por Chévare, Chévere en estado puro, sen aditivos. Miguel de Lira está xenial; Patricia Lorenzo, inmensa; Cristina Iglesias, superior. Non a perdan, ha lhes gustar moito. E non se demoren, se despois quedan sen entrada non me culpen a min.