Tribuna Viva
O Movemento Galego polo Clima traballa na defensa do medioambiente
O Movemento Galego polo Clima, conformado por máis de oitenta colectivos e ONGs galegas que traballan na defensa do medioambiente, entre as que se atopan as impulsoras Fridays for Future, Extinction Rebellion, Ecoloxistas en Acción de Galicia, a Plataforma para o Decrecemento, Verdegaia, Adega e Greenpeace de Galicia, trasládase a Madrid para participar na Marcha polo Clima.
Ademais da Marcha, tamén estarán presentes nas distintas actividades da Cumbre social ao longo da fin de semana, achegando ao lugar de celebración da COP25 un problema que comparten na súa globalidade e polo que actuan localmente.
Desde o Movemento Galego polo clima estase a esixir ao Goberno Central, á Xunta de Galicia, Deputacións e Concellos que:
- Comecen a dicir a verdade e que asuman a emerxencia climática como un grave problema para o conxunto da sociedade, da biodiversidade e o mantemento da vida, e non como un novo nicho de oportunidades económico-empresariais.
- Se declare a emerxencia climática e se elabore a correspondente lei coa participación activa de ONGs e sociedade civil.
- Se tomen medidas reais e efectivas de eliminación de emisións de gases efecto invernadoiro para que as distintas administración sexan un exemplo para o conxunto da sociedade.
- Que non se dea por perdida a batalla contra a mudanza climática fomentando propostas de adaptación ao incremento da temperatura por enriba dos 1,5oC.
- A toma de acordos e medidas amparadas coas súas correspondentes partidas orzamentarias para loitar de xeito efectivo contra os distintos focos de contaminación dos ecosistemas, maiormente as emisións de CO2.
- Cambio na política forestal como medida para previr os incendios que serán mais graves polo cambio climático.
- Medidas para unha maior eficiencia no uso da auga, que será máis escasa cando máis necesaria é (secas).
- Política agraria que favoreza a soberanía alimentaria con base a produtos de proximidade e sustentábeis, particularmente vexetais e de horta.
- Construción e rehabilitación de vivendas con conceptos bioclimáticas e de consumo nulo para adaptación no só ao cambio climático senón tamén escaseza de enerxía.
- Educación ambiental e sensibilización da sociedade a través dos colectivos sociais activos e máis concienciados favorecendo a autonomía, capacidade de decisión e co-responsabilidade de cada sociedade.
Coa voz dos colectivos ecoloxistas galegos e pola necesidade de resposta e compromiso, Galicia, súmase!