Luis Bará
Monte comunal de Salcedo
Os montes veciñais en mancomún son un tipo de propiedade colectiva de orixe xermánica -característico de Galiza, o Norte de Portugal e territorios de Asturias e León-, que conseguiu sobrevivir á creación dos concellos no século XIX, á desamortización e aos intentos de apropiación pola Ditadura franquista. No seu conxunto, os montes en mancomún suman unha extensión de aproximadamente 700.000 ha, sobre un total de 2.000.000 de ha do monte galego.
Ao longo da historia, os montes en mancomún foron obxecto de diferentes tentativas de apropiación e expolio polo Estado e os concellos, o que deu lugar a movementos sociais de resistencia por parte das comunidades veciñais. Xa no século XX, a Ditadura de Primo de Rivera primeiro e a Ditadura franquista despois levaron a cabo un programa de repoboación forestal baixo a figura de consorcios que supuxo unha transformación radical dos montes galegos, que comezaron a perder parte da súa funcionalidade para converterse en terreos de uso prioritariamente forestal. O Patrimonio Forestal do Estado, os Concellos e as Deputacións levaron a cabo a plantación masiva de especies de crecemento rápido que hoxendía monopolizan o monte nas zonas costeiras e do interior de Galiza. Foi precisamente a provincia de Pontevedra prioneira nesta política forestal uniformizadora e produtivista, baixo o mandato político de Daniel de la Sota e a dirección técnica do enxeñeiro Rafael Areses, que convertiron o viveiro de Figueirido no principal fornecedor de sementes e plantas para a brutal transformación do monte.
Incautados ilegalmente polos concellos, as deputacións e o goberno central, os montes comunais puxéronse ao servizo do novo modelo produtivista e doutras necesidades da administración, como o asentamento de equipamentos e infraestruturas. Foi así como o Estado se apropiou manu militari- a finais do século XIX dos terreos do monte veciñal de Salcedo, Figueirido e San Martiño de Vilaboa para instalar en 1924 o coñecido como cuartel de Figueirido, que se ubica maioritariamente na parroquia de Salcedo (80% da superficie dos terreos ocupados polos militares).
A partir de 1938 o cuartel convertiuse nun sinistro campo de concentración para centos de presos republicanos, unha parte dos cales faleceron polas condicións inhumanas do presidio ou vítimas de paseos e fusilamentos. Unha páxina negra do "cuartel" que ainda agarda dun elemental acto de xustiza e memoria por parte do Estado.
Xa na época "democrática", a veciñanza seguiu sufrindo abusos e intimidacións por parte dos militares mais a tensión incrementouse nos últimos anos coa ampliación das zonas de manobras e do perímetro de seguridade da base e a construción ilegal de novas instalacións e edificacións (recreacións de aldea afgá e zona urbana de manobras...). Os comuneiros das tres parroquias decidiron acudir aos tribunais de xustiza, que no ano 2012 os declararon propietarios lexítimos dos terreos nos que está instalada a que hoxe se coñece como BRILAT.
Así as cousas, iníciase un período de diálogo entre a representación militar e comunidades de montes que foi dando froitos positivos (parte dos terreos pasaron a ser controlados polos comuneiros e modelicamente recuperados para usos sociais, ecolóxicos e produtivos) e no que se puxo de manifesto unha actitude prudente e sensata por parte da comunidade de montes de Salcedo, que en todo momento procurou fórmulas de convivencia entre usos civis e militares e de permanencia da BRILAT no seu actual emprazamento.
A compensación económica negociable solicitada pola comunidade de montes é outro exemplo de prudencia e racionalidade, ademais de constituir un acto de xustiza e de elemental defensa dos dereitos históricos que lles corresponden. Por iso parece absolutamente fóra de lugar a avalancha de declaracións que desde institucións gobernadas polo PP e satélites empresariais e mediáticos intentan chantaxear e amedrentar aos veciños de Salcedo, culpándoos dun posíbel traslado do complexo militar fóra de Pontevedra.
De todo o escoitado até o momento, podemos deducir tres conclusións ben claras:
1ª Estamos nunha fase de diálogo entre Defensa e a Comunidade de Montes que se debe desenvolver sen presións externas e na que os representantes veciñais manifestaron unha actitude absolutamente prudente, flexíbel e favorábel á permanencia da BRILAT no emprazamento actual, ao tempo que defenden os seus dereitos lexítimos.
2ª As cifras económicas que se manexan (negociábeis segundo os comuneiros) son un gran de area no multimillonario orzamento do Ministerio de Defensa: non poden servir como excusa para un eventual traslado, que para empezar multiplicaría os custos pola necesidade de acometer a construción de novas infraestruturas. Os problemas económicos de Defensa teñen máis que ver coa irresponsábel e expansiva política de gasto dos gobernos de Aznar e Zapatero, que elevaron o endebedamento do Ministerio até perto dos 30.000 millóns de euros (pola compra de avións de combate, helicópteros, tanques, etc.) e que obrigan todos os anos a aprobar ampliacións orzamentarias para facer fronte a tan descomunais gastos. Por non falar do dispendio de millóns de euros en operacións militares en países ocupados nas que arriscan as súas vidas precisamente os militares da BRILAT.
3ª A posibilidade do desmantelamento da base militar non derivaría nun traslado a unha zona próxima na que construir unha nova e custosísima base (globo sonda demagóxico e estrambótico do alcalde de Lalín). Suporía máis ben a desaparación da unidade (por redución de gastos debido á crise e ao endebedamento ministerial) ou a integración da mesma noutras instalacións militares xa existentes, decisión que en todo caso se xustificaría polo aforro de custos na actual conxuntura enconómico-orzamentaria derivada da nefasta xestión gobernamental e non do gasto derivado do pagamento do canon aos comuneiros de Salcedo, Figueirido e Vilaboa.
Polo tanto, precísase sentidiño, tempo e respecto aos representantes veciñais de Salcedo, que están a dar un gran exemplo de moderación e sensatez e que non merecen a agresiva campaña desatada polo PP e os seus corifeos.
11.06.2013