Xesús López Fernández
A estafa das preferentes
As Caixas de Aforros naceran como entidades con finalidade benéfico-social, cultural, científico, profesional., chegando a gozar dun prestixio certo. Os aforros familiares eran aplicados, normalmente, a cretos prá adquisión de vivenda e por esa vía non poucos cidadáns accedemos a un piso en propiedade. O comercio entraba xa na órbita bancaria, era outro mundo. Pero algo comezaría a se acelerare nas caixas que, xa foran de ámbito provincial ou municipal, a celebración do consello sería de cada volta máis frecuente, dietas, dietas, na medida na que ían entrando no mesmo máis e máis políticos. E foron éstos os que desnaturalizaron estas entidades.
Presuntos especuladores do ladrillismo ou da recalificación, marcaron un ritmo novo prás vellas caixas e comezaron a entraren en eidos que non lles eran propios, mesmo no mundo industrial. As caixas comezarían así a sofriren tensiós en virtude dun crecemento non orgánico, dictado pola cobiza política. E viría o tempo das fusiós non queridas. ¡Se o propio Fraga non ocultaba a súa arela de que Galicia tivese unha caixa única e forte, algo do que o país enteiro coido está arrepentido! E os políticos nelas infiltrados seguirían coa súa idea de entraren en productos especulativos. Pero, claro, é moi fácil xogare cos cartos dos demáis, cousa que as caixas nunca fixeran, pero os políticos comezarían a deseñaren novos e tóxicos productos. E así naceron as preferentes e subordinadas.
"Temos un producto que pode ser bo prós seus aforros. En conta a prazo case non lle renden nada, pero coesta oferta que lle brindamos, mediante a inversión en fondos garantizados, a partir do segundo ano poderiase beneficiar falaban de ata un 40%-- das plusvalías que se vaian producindo". "¿E se non hai plusvalías? Mellor, non, que vou necesita-los cartos en breve" En fin, operación mal explicada (pero entendida no caso citado) na que moitísima xente quedou prendida, a maioría sen comprenderen o que lle acababan de colar, cómo quedaban os seus aforros. Xentes homildes en moitos casos, algunhas completamente analfabetas. A evidencia dunha gran estafa aparece concretada en non poucos casos.
Non parece haber unha clara saída prás víctimas das preferentes e subordinadas, productos deseñados, parece, polo demo. As xentes fan ben en protestaren ante distintas instancias oficiales e, cínicamente, algús dos políticos ante os que protestan, como se fosen criaturas anti-sistema aínda tendo nómima privilexiada dentro do mesmo, enfúndanse a camiseta identitaria dos reclamantes. Pero eso por parte dos políticos, os inventores da desgracia á que estas xentes se viron abocadas, non pasa de douda bufonada ante tanto drama concentrado ás portas dos edificios oficiales, mesmo nos salós de actos; drama que coido conta xa con diversos suicidios, un deles en Pontevedra, un home de 82 anos que non deixou nota algunha ¿pra qué, se lle asesinaran a esperanza?--. A súa viuda, Dorinda G.C., sí conocía a causa da decisión do seu home, "preocupado pola súa saúde e porque tiña diñeiro atrapado nas subordinadas".
E todo, suicidios, ruínas ou quitas de máis do 60%, por se teren metido os raposos no galiñeiro, os políticos nas caixas e desnaturalizalas, que agoran son bancos, polo visto. E parece que non hai culpables, que os políticos nunca levan culpa, están blindados. Desgracia de país.
12.06.2013