Celso Xavier Milleiro Sánchez
Franco
En 1946 unha resolución da ONU declaraba a Franco como criminal de guerra. Só en Galiza se cometeron máis de 8000 asasinatos entre 1936 e 1939, catro veces máis dos realizados por ETA en corenta anos.
Catro décadas de ditadura serviron para domesticar a unha parte da sociedade, engadido a unha transición (vendida como modélica) que non realizou ningún tipo de xuízo polo acontecido na guerra e na ditadura, agochando as atrocidades dun réxime asasino e nefasto.
As consecuencias vémolas hoxe en día, disparates como que "con Franco se vivía mellor" forman parte das grandes manipulacións que se repiten a diario. Na ditadura houbo auténticos mangantes que se enriqueceron co réxime (entre eles o ditador), houbo milleiros de galegos/as que tiveron que emigrar porque aquí non había para comer: Alemaña, Francia, Suíza, Bélxica...
O 31 de decembro a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica homenaxeará a Antonio, Demetrio, Albino, Amando e Bernardino, veciños de Marín asasinados en 1936. Non cometeron ningún delito, foron vilmente axustizados por criminais para impor ao resto o seu xeito de pensar.
Non será un día de nostalxia senón de xustiza, reparación, lembranza, democracia e dignidade colectiva.
Este ano coa tristura de non contar coa presenza de Emilio Esperón. Que a terra che sexa leve, grazas por todo, amigo.