Mar Seaxá
Avoxtos
Lembro fai uns cantos anos, uns poucos menos de trinta, que no pobo onde eu vivía sucedeu un caso que parecía propio dun xornal de noticias macabras.
O día comezou pesado e lento, coma case todos os días. Se algo caracterizaba a ese pobo era que cada día era igual ao día anterior, e ao anterior, a ao anterior. Así ata que eu lembro, e o máis divertido do ano parecía ser a procesión da virxe do Carme e a festa dos ovos fritidos, ocurrencia do alcalde vendo que tódolos pobos da contorna apuntábanse un tanto coas festas gastronómicas,que por aqueles días xurdían coma silvas ao carón das estradas.
Hai que dicir que os chismes ían e viñan, coma era natural nun pobo no que nunca pasaba nada. Era o deporte local, malia que case todos eran inventados e pouco orixinales: que si fulano roubou nabizas na leira doutro, ou mengana ía ter un fillo pero non cadraban as datas nas que o home viñera do mar para, com non, saudar á familia e facer un rapaz.
Coma dicía, o día era como os demáis, ata que un home ao ir chamar a unha cabina telefónica (xa choveu diso. Agora xa case non quedan. Falo das cabinas, homes aínda hai dabondo) atopou un feto. Un feto pequeno que botou a voar a imaxinación dos veciños. Era pequeno, parecía ter unhas catorce semanas, máis ou menos, e comezouse a dicir se era dunha muller que non quería ter o fillo e para despistar abortou na cabina. A verdade é que eu non crin que eso fora dese xeito, porque unha cabina non parecía o lugar máis indicado para facer un aborto, xa que as paredes eran de vidro. Non parecía que iso fora así.
Dicíase que fora unha mala muller, das que se deitaban con calquera, que a saber quen era o pai e que de seguro nin ela mesma o sabía. Non se falou nada do pai, da súa responsabilidade con esa muller preñada e co seu fillo. Coma agora, que o aborto é cousa de mulleres e somos nosoutras as que levamos a carga de abortar ou non, de criar aos fillos e traballar fóra da casa. Unha carga da que algúns homes comezan a ser conscientes de que non se trata de axudar, senón de coidar e educar a partes iguais, pero que aínda hai moito que andar para que iso sexa realmente así.
A esa muller puxérona a parir, máis ben a abortar, todo o pobo. Eu pensei que neses casos mellor non ter que chegar a abortar, non porque eu fora unha lumbreira, que non o era e menos trinta anos antes que agora. Vivir ensina, e si son case trinta anos mais os que se teñen, que vos vou contar, xa parece que unha é polo menos premio Nobel aínda que se sexa tan iñorante coma sempre. Agora case todo o mundo concorda que é preciso educar na sexualidade, mais queda xente que se bota as mans á cabeza. Que coma vai ser que ensinen iso nos colexios,que xa o ensinan eles na casa... Habería que velo, medo dan.
O caso é que ao redor da cabina íase xuntando máis e máis xente e o feto ía pasando de man en man de veciñas e veciños compunxidos pola terrible achádega. Ata que acordaron chamar ao médico do pobo para certificar a morte dese neno non nacido e á Garda Civil, para que buscara indicios cos que se poidera descubrir á asasina (do pai seguíase sen decir palabra) e metela na cadea como tiña que ser por mala nai. Non se contemplaba a posibilidade de que fora un aborto natural, tiña que ser clandestino porque se non, non habería de que falar eses días.
Cando chegou o Land Rover da Garda Civil co médico, a xente deixou un corredor para que pasaran e fíxose un silencio expectante. Logo de explorar o feto, o médico dixo que aquelo era un feto dunhas catorce semanas, pero de plástico. Dos bonecos que daquela estaban de moda, había nenos pequeniños xa de pé, sentados, ou bebés recén nascidos que parecían fetos á vista de xente sen moito que facer.
Estes días,bonecos coma o da cabina de teléfono, están outra vez nos xornais porque a uns iluminados de Vox en Sevilla déuselles por repartilos antes de intentar facer dunha misa (negada polo Arcebispado) pola ialma (cal ialma?) dos fetos que foron abortados no 2019. Sen dúbida xente macabra, que queren facer desa decisión de abortar un espectáculo. Queren facer un avoxto ao grande, para que saibamos o que é iso. O que hai que ver.