Marta Rodríguez Engroba
Tal vez volver crer nos Reis Magos sexa a única opción
Non é, malia o que algún semellan crer, que eu nacera con vocación de "Pepito Grilo" para tentar menear as conciencias (empeño, por certo, visto o visto, totalmente inútil).
Tampouco o pesimismo forma parte do meu carácter. Todo o contrario.
Se hai algo que me caracteriza é a tendencia a ver sempre o vaso medio cheo, e a presupoñer a boa vontade das persoas.
Teño que recoñecer, eso si, que isto último xa o fun "correxindo", porque a experiencia me demostrou e me demostra cada día que eso de que todo o mundo é bo é unha mentira, e das mais grandes, pero, ainda así, de cando en vez, non podo evitar tentar rexeitar o ruxe ruxe que algúns personaxes me fan sentir, o que, unido a ese optimismo do que falaba, que as veces remata por convertirse en pura inxenuidade, e que me ven "de serie", fan que me leve mais dunha labazada de pura decepción e frustración.
E así, decepcionada e frustrada, comezo o ano 2020, ademais de coa negra sensación, unha sensación que mais que desacougo é certeza, de que, un ano mais, a presunta loita contra a violencia de xénero vai ser o conto da leiteira.
O 2019 foi o ano no que a utilización da violencia machista acadou cotas totalmente indecentes.
A medida que o número de mulleres asasinadas por mor dela ía medrando, na mesma proporción o facían os espectáculos propiciados por aqueles que, totalmente inmersos en conservar ou acadar a súa cadeira nos reiterados procesos electorais, desplegaban toda a súa artillería para demostrar que todos e cada un deles e delas son os mais implicados, os mais concienciados e os que non escatiman medios para presentar a mellor posta en escena que agardaban se traduciría en votos.
E mentras cada quen se afanaba por presentar o mellor espectáculo, nos que non faltaron, por suposto, as homenaxes e os recoñecementos a aqueles que se supón son referentes na loita contra a violencia de xénero, ou que, polo menos, lle sacan rendemento, ía chegando Decembro, e, porén, o Nadal, cos seus días de ilusión, de lecer, de sonos, de maxia….para algúns.
Non faltaron, por suposto, os balances de rigor ao respecto, os estudos e as estatísticas para pechar o ano, que deso todo o mundo sabe moito.
Os titulares nos lembraron unha e outra vez o número de mulleres asasinadas por mor do feminicidio, 55, esquecendo, unha vez mais, mencionar cantas delas o foron por non ter a protección requerida, desviando a a atención e a culpa as que non tiñan denunciado ao seu asasino, e obviando as explicacións dos letais erros, ou o desleixo que matou a algunhas das que si o fixeron.
O tráxico número de vítimas, 55, repetiuse unha e outra vez nos medios de comunicación. Os nosos políticos tentaron transmitirnos que sufrían moito, moitísimo, ante esta imparable escalada da violencia de xénero, mais chegou, como dicía, o Nadal, et voilá!, parafraseando a Julio Iglesias, puidemos cantar aquelo de "La vida sigue igual".
Malia ser conscientes do repunte que a violencia de xénero sempre experimenta nestas datas, de súpeto a angustia, a mágoa que políticos, institucións e representantes dalgún que outro colectivo "de ben", deses que non molestan, porque teñen claro que, de facelo, os petos e, por suposto, o prestixio e as opcións de medrar se resentirían ou mesmo desaparecerían, exhibiron diante das cámaras durante os meses precedentes, desapareceu como por arte de maxia, e o panorama para as vítimas, para os seus fillos, mentras os que teñen a obriga de protexelos vivían a súa particular historia de Dickens, esquecendo o que acontecía no mundo real, foi, un ano mais, comisarías baixo mínimos, con escasísimo persoal, e sen servizo nas unidades específicas de violencia de xénero, especialmente nos días mais sinalados, e, porén, de maior perigo.
Xulgados ralentizados, por non dicir paralizados. Puntos de Encontro que pecharon, polo menos algúns deles, as súas portas os días de Nadal e Ano Novo, deixando totalmente desprotexidos e sen alternativas a quen se ve na obriga de facer o intercambio dos menores neses días, ignorando algo tan obvio como a necesidade imperiosa de dispoñer de persoal de garda que cubra o dereito ao descando do persoal que ninguén cuestiona, pero sen desnudar a un santo para vestir outro, e menos ainda se esto representa algún risco, etc, etc, etc.
Toda esa palabrería que derrochan falando de prevención quedou agochada no caixón con varias voltas de chave, porque se ve que viven o Nadal tan de cheo que mesmo dan por sentado que a violencia de xénero, os maltratadores, os asasinos de mulleres, tamén fan un alto no seu camiño de crueldade para cantar panxoliñas e disfrutar dunhas entrañables xornadas de amor e paz.
E así, pouquiño a pouco, mentras moitos pregábamos para que o ano non terminase con mais asasinatos, foi chegando Xaneiro.
Cando ainda non transcurriu nin a primeira semana, xa se están vendendo os primeiros tickets para o espectáculo que está a piques de reanudarse.
O Nadal case rematou e "show must go on!", moi especialmente na nosa comunidade, onde unhas eleccións autonómicas xa están a facer acto de presencia.
Síntome, como dixen ao comezo, frustrada, decepcionada e, por riba de todo, triste, moi triste, porque vexo que nada mudou, e que o negocio da dor vai seguir non so manténdose, se non mesmo medrando.
Por iso, porque xa case non me queda fe, e tentando contaxiarme un chisco do espíritu deses pouquiños días de Nadal que quedan, da ilusión que flota no ambente, e tentando acadar un mínimo de esperanza, comezo a pensar que xa soamente nos queda unha opción, volver a crer nos Reis Magos, e ter fe en que eles nos agasallarán con algo imprescindible e que, a vista está, apenas existe: Humanidade.
Asociación Si, hai saída