Marta Rodríguez Engroba
Loita contra a violencia de xénero, lenta pero insegura
Non sei o resto da xente, pero eu vou de sorpresa en sorpresa case cada día.
Tivemos que chegar ao ano 2020 para asistir a un "descubrimento" mais en materia de violencia de xénero!
Se ve que non era doado de atopar, e estou convencida de que, coma case todos os que se van producindo neste eido, foi obxecto de numerosos estudos, deliberacións e valoracións por parte de grupos de traballo deses que nacen coma cogomelos no outono.
A Sala do Penal do Tribunal Supremo considera, por fin!, que as chamadas perdidas feitas ao teléfono dunha vítima de violencia de xénero, cando existe unha orde de afastamento, e o agresor ten, porén, prohibido comunicarse con ela, constitúen un quebrantamento de condena, sempre, eso si, aclara, que queden rexistradas e sexa posible saber quen as efectuou.
De traca!
Se non fora porque o tema é mais que tráxico, de verdade que podería rir ata que se me saltasen as bágoas.
Quedarían descansados!
Unha vez mais case se eleva a categoría de fito o que non é, nin mais nin menos, que unha cuestión de puro sentido común.
Evidentemente, se unha muller vítima de violencia de xénero, malia ter unha orde de afastamento, se atopa cunha ou varias chamadas perdidas do seu maltratador, é presa do medo, e, lóxicamente, estas contribuen a desestabilizala psicolóxicamente.
Dito doutro xeito, está a ser maltratada de novo e o elemento en cuestión está quebrantando.
Así de sinxelo....e para saber eso tampouco fai falta ser un erudito. É pura lóxica.
O que non lle cabe na cabeza a ninguén con dous dediños de fronte é que fora preciso chegar a estas alturas para sacar tal conclusión, pero, unha vez mais, esta é a consecuencia de xestionar a violencia de xénero única e exclusivamente desde os despachos, e, en non poucas ocasións, por quen sabe tanto dela, e menos ainda das súas vítimas, coma eu de física nuclear.
Ainda así, non se resignan a non tentar rizar o rizo, e a deixar unha ventaniña aberta a dúbida, e puntualizan o de "sempre que quede rexistrada e sexa posible saber quen a efectuou".
Alucinante!
Definitivamente, deben dar por sentado que a condición de vítima de violencia de xénero vai vinculada, indefectiblemente, a de imbecil, porque, de non ser así, hai cousas que non se explican.
Imos ver, señores e señoras sisudos do Tribunal Supremo, vou tentar explicarlles isto amodiño, por se non son quen de entendelo.
Se a chamada non queda rexistrada, a vítima non a verá, descoñecerá a súa existencia, e non será, porén, en ningún caso, obxecto de denuncia.
O único positivo será que se evitará un susto, o que, de xeito ningún, diminuirá o risco que corre, eso por suposto.
En canto ao de que "sexa posible saber quen a efectuou", digo eu que non caso de existir tal chamada, se dará por sentado que foi o agresor quen a fixo, pero, claro, deste xeito, sempre queda aberta para él a posibilidade de alegar que alguén lle colleu o teléfono, ou que o aparello toleou e marcou o número soiño, sen que ninguén o marcara.
De novo, e coma case sempre, será a vítima a que terá que demostrar que él foi o autor, faltaría mais!.
Para él sempre existirá a presunción de inocencia, e para ela a de troleira.
Teñen, eso si, unha grandísima "deferencia" coa vítima.
A chamada en cuestión será considerada delito malia que ela non a atenda.
E ainda se queixarán!.
Cando lín a nova deste "maravilloso avance" non puiden evitar lembrarme dos casos de dúas mulleres que están con nos en Si, hai saída.
Nun deles, no que a vítima ten risco alto, e leva un dispositivo electrónico, o mesmo que o agresor, ademais de non acudir ninguén cando soa, algo que sucede contínuamente, por mor dos constantes quebrantamentos da orde de afastamento de 500 metros que foi dictada polo xuiz, e cando digo ninguén estou a referirme a unha patrulla policial, como é o preceptivo, malia que ela informou, como marca o protocolo, dos lugares que frecuenta habitualmente, él, facendo alarde da chulería que exhiben todos os da súa calaña, non se cortou a hora de alugar un piso pegadiño a un dos sitios nos que ela, por razóns familiares, pasa moitas horas.
Naturalmente, este feito foi posto en coñecemento da policía de xeito inmediato, e......sorpresa!, non pasou nada!.
Ela acude aterrorizada ao devandito domicilio, mentras él se pasea as súas anchas diante dela, sen que se tome medida ningunha.
No segundo caso, no que existe unha orde de afastamento de idéntica distancia, 500 metros, o "prenda" en cuestión, e por mencionar tan so dous dos quebrantamentos mais recentes, permitiuse o luxo de sentarse nunha terraza pegadiña a outra na que ela se atopaba, pasando por alto o feito de que, de coincidir fortuitamente, algo que pode pasar, por suposto, malia que este, evidentemente, non era o caso, e él, maltratador, o que ten que abandonar o lugar, repetíndose un feito prácticamente idéntico aos poucos días.
Ela fixo o correcto en ambas ocasións, chamar a policía, mais non foi detido en ningún momento,e, no colmo da desfachatez, se lle recordou a ela que debería ter en conta que a él lle gusta moito a zona na que se produciron os feitos, dito doutro xeito, foi a ela a quen se lle culpou e se lle instou a non acudir de novo a ese lugar.
Como xa dixen, cando lín a nova referente as chamadas perdidas, non puiden evitar lembralas as duas e preguntarme como se sentirían, e o mesmo podería dicir doutras moitas.
Qué se lles dí ante tales despropósitos?.Animámolas a que sigan confiando nunhas leis, nunha xustiza que é, como mínimo, notablemente incoherente?.
Ou non, mellor ainda lles aconsellamos que agarden, que igual hai sorte, e un destes días a calquera dos dous, ou aos dous, lles da a arroutada de facerlles unha chamada perdida, e, nese caso, todo arranxado!. O mesmo os levan ao calabozo!.
Absolutamente demencial.
E hai algo que ainda me preocupa mais.
Se grave me parece que nos vendan esta medida coma se fora a panacea, mais grave é para min o feito de que todo o mundo semelle celebrala coma tal, e ninguén se decate, polo visto, de aspectos, no meu xuizo, tan elementais como os que eu acabo de relatar nestas liñas. Non me entra na cabeza!.
E non o digo polas vítimas, que quede claro, que abondo teñen co que teñen, se non polo resto da sociedade, desa sociedade que dí estar tan informada, tan concienciada, tan implicada, pero a que lles contan un conto digno da mellor literatura fantástica e fican tan anchos e tan convencidos.
Coa conciencia moi tranquila, eso si!.
E esta a idea que teñen de loitar contra a violencia de xénero, de traballar para que as vítimas sexan protexidas como procede?.
Por suposto, esta é unha pregunta retórica, porque a resposta é, lamentablemente, mais que obvia.
Francamente, non sei de que loita nos están a falar, porque, desde logo, a que supostamente se está a facer desde os eidos con competencias, lenta si é, pero de segura non ten absolutamente nada.
Asociación Si, hai saída