Mar Seaxá
O pin pirimpín
Moito se anda a falar do pin parental, pero que é iso? É un pin coma os que poñemos cando imos ás manifestacións, ou un dos que teñen fotos chulas para poñer nas bolsas e ir do máis chic polo mundo?
Non, non é nada diso, rapazas. Resulta que o dichoso pin non é un pin. Mal empezamos, porque quen foi o listo que lle puxo ese nome? Para ser precisos é unha autorización, ou máis ben unha negación, a que os nenos reciban educación en cousas das que os de Vox cren que non debería haber formación, nin información, e xa de paso, non existir. Cousas coma a diversidade sexual, por poñer un exemplo.
Moitos son os que andan alporizados porque unha ministra dixo que os nenos non son dos pais. Bueno, o que esta muller dixo! Voces indignadas alzáronse ao Universo dicindo que eran os donos dos seus fillos, que por aí si que non pasaban. Para algo que teñen no que mandar, vanlle decir que non son seus.
Aos fillos e fillas temos que coidalos, cambiarlle os cueiros, darlles de comer, e máis adiante, ensinarlles a ser unhas boas persoas. Pero non vos equivoquedes, nós, as nais e os pais somos dos nosos fillos e non ao revés.
Eu non son a dona e señora da miña filla ou do meu fillo, nunca me tiven por tal, porque sempre os considerei persoas libres aos que eu acompañei mentras me necesitaron, pero cun respecto á súa independencia persoal e de pensamento.
Non lles ensinei a pensar o que eu penso, ensineilles a pensar por eles mesmos, só a pensar, que non é pouco. Cando pensaban diferente a min, era e son a persoa máis feliz do mundo, porque o que parín tiña independencia cultural e persoal.
Pódese pensar que somos dos nosos pais? Non creo que ninguén adulto o pense, e voltando os ollos a tempos pasados, cando éramos pequenas, alguén puido pensalo? Cando tiñamos sete, oito, ou máis, ou menos idade, alguén se sentíu propiedade dos seus pais? Non o creo, polo que tampouco entendo aos que din que os seus fillos son deles. Son xente que vive enganada, que non dá o valor apropiado á súa filla ou fillo.
Para que unha nena ou un neno estén formados, o mellor será que teñan información de canto máis, mellor. De distintas relixións, de pensamentos de todo tipo, de persoas desprezables ou dignas de loubanza, de guerras, de matanzas, de distintos tipos de sexualidade, de inxustizas e tamén de xustizas. De como xente actuou según os tempos e como se avanzou para superar actuacións vergoñentas. De todo, sen pretender pecharlle os ollos ao coñecemento.
E que ademáis, teñen dereito a elo. Quenes somos as nais e os pais para decirlle ás nosas fillas e fillos que información lles imos dar? Sempre hai que darlle instrumentos para que a súa vida sexa a mellor posible, e a informacion é imprescindible para conseguilo. Quen non o vexa así, síntoo polas súas fillas e fillos.
Crecerán vendo só unha parte da vida, da historia e a súa visión vai ser tamén moi parcial. Pobres nenas e nenos, propiedade dos seus pais.