Marta Rodríguez Engroba
Cando o maltratador forma parte dunha institución. O dobre pesadelo dalgunhas vítimas de violencia de xénero
Aínda non rematamos o primeiro mes do ano, e xa son cinco as vítimas mortais por mor da violencia machista.
Seis en realidade, xa que unha nena de tan so tres anos foi asasinada con súa nai o pasado 6 de Xaneiro polo seu pai e marido, malia que non é contabilizada coma vítima de violencia de xénero, porque, neste pais noso, mentras os asasinatos machistas medran sen control, os expertos na materia seguen a ter moi en conta os matices, o cal, que dúbida cabe, os mantén ocupados, malia que eso non se traduzca en que esta barbarie cese.
Houbo, ademais, numerosos episodios que a piques estiveron de aumentar esa tráxica cifra, e aos que, afortunadamente, as vítimas lograron sobrevivir.
Todos horribles, arrepiantes e desalentadores, xa que son a mostra evidente de que nada mellora e, pola contra, a barbarie continúa coa súa letal masacre, a cal se lle está a dar cada vez menos importancia, agás aqueles que, en diferentes eidos, saben como sacarlle partido.
Nese caso si a teñen moi en conta e a manexan con gran habilidade.
Todos e cada un dos casos, como xa dixen, foron tráxicos e desesperantes, pero un deles chamounos especialmente a atención en Si, hai saída, porque, por desgraza, reflicte perfectamente algo que nos está a tocar vivir prácticamente desde que comezamos a nosa andaina.
Estou a falar de Judith, a rapaza asasinada en Terrasa pola súa ex parella, axente dos Mossos d´Esquadra, que lle disparou varios tiros a queimarroupa coa súa arma regulamentaria, para, despois, suicidarse.
Din que él non fora quen de asumir a ruptura, menos aínda que ela lle contase que estaba coñecendo a outra persoa, e que estaba completamente obsesionado con ela, que a acosaba constantemente.
Tamén se deixou claro que non existían denuncias previas por violencia de xénero, algo que sempre se puntualiza co mesmo empeño que se cala nos casos que si as había, e aínda así, o crime se consuma.
Todo isto nos levou, como xa dixen, a reflexionar e tamén a facer un percorrido por algúns dos casos que nos chegaron e aínda nos chegan nestes anos.
A primeira reflexión, como non podería ser menos, foi a seguinte:
Si para calquera muller vítima de violencia de xénero tomar a decisión de denunciar ao seu agresor supón un esforzo que ninguén que non o viva pode nin imaxinar, alguén pode facerse unha idea do que implicará para aquelas que o agresor é, como creo que se dí no argot policial, "compañeiro"?.
En Si, hai saída, por desgraza, sabémolo ben.
Agás rarísimas excepcións, de feito a nos nunca se nos deu ningunha, cando o agresor forma parte da institución ou ten algún vínculo con alguén dela, o proceso convírtese, desde o primeiro momento, nun bater continuo contra o corporativismo, a ocultación e, nalgúns casos, os intentos de trasladarlle a culpa a propia vítima.
Xamais un deles pode sair manchado. Sempre se presupón que son irreprochables. Por algo visten uniforme e levan galóns!.
Nin a vítima nin quen tenta axudala van ter doado sair con ben dese calvario.
De feito, o final está escrito case antes de comezar, o mesmo que a mais que probable impunidade do agresor.
A segunda reflexión que fixemos, ou, mellor dito, a pregunta, que, unha vez mais, lanzamos, é, cando se vai ter en conta esa mais que repetida petición, por non dicir rogo, que, desde Si, hai saída lanzamos xa unha e mil veces e que ninguén con atribucións semella escoitar, ou, para expresarnos con propiedade, quere escoitar:
Para cando esa mais que urxente revisión dos criterios de selección dos integrantes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado?
Qué clase de valoración psicolóxica se lles fai, se é que se lles fai algunha?
Teñen estas valoracións, se, repito, é que existen, unha periodicidade?
Porque as persoas poden cambiar, o mesmo que as súas circunstancias. Tamén ter épocas mellores e peores. E tamén, para qué enganarnos, pode tratarse sinxelamente dun desalmado, dun lobo disfrazado de cordeiro.
Porque, de ser así, de existir estas valoracións, non é de recibo que unha persoa cun perfil, como mínimo claramente obsesivo, pasara totalmente desapercibido.
É que, desde as altas instancias, non son conscientes do perigo que supón que unha persoa desas características, que manexa unha arma, circule libremente pola vida?.
Nos, como dixen antes, sabemos ben o que é toparse cunha situación destas características.
Son xa varias as mulleres que se achegaron a nos poñéndonos por diante que vían imposible que puidéramos axudalas, porque o maltratador era, como adoitan dicir, "un deles", ou achegado a un deles.
E non podemos negar a realidade.
As dificultades para axudalas, para tentar protexelas, son inmensas.
A impotencia, enorme.
Nos chegamos ata onde podemos, ata onde os contínuos atrancos nos permiten avanzar, pero a un prezo moi caro: O de quedar sinaladas para sempre e ser persoas non gratas entre os que tapan, co que isto implica para o noso traballo.
E isto non é aplicable soamente aos casos nos que o maltratador é policía.
Non corren mellor sorte aquelas que están a vivir o inferno da violencia machista con alguén relacionado profesionalmente coas institucións.
A súa sentenza está dictada case antes de comezar o proceso.
As palmadiñas nas costas,os apretóns de mans, e as frases de apoio ao maltratador nun ton o suficientemente alto para que todos os do "bando contrario" os escoitemos nos pasillos das dependencias policiais ou xudiciais adoitan ser a tónica habitual, como habituais tamén son as "dificultades" para localizalos unha vez que son denunciados, o que fai prácticamente imposible que sexan detidos, e, se chegan a selo, desde logo o trato non vai ser o mesmo que o dun preso común. Hai clases!
O que está garantido, en case todos estos casos, é que a vítima sexa, como mínimo, cuestionada, que se lle "suxira" que arranxe as cousas con el, que se lle tente facer ver que todo é unha mala interpretación pola súa parte, e que é mellor que a intención de denuncialo quede niso, en intención.
Atopar alguén que se encargue de defender a estas mulleres é algo mais que unha odisea, e se, finalmente, decide seguir adiante, quen se encargue de facelo non o vai ter doado, nin se vai, desde logo, pelexar con ninguén por coller o caso. Mais ben todo o contrario.
Non preciso explicar que un colectivo, como é o noso, que non fai distincións e ten claro que un maltratador, por mais que vista uniforme, traxe ou toga é, sinxelamente eso, un maltratador, non sempre goza de demasiadas simpatías en certos eidos, ou tal vez debería dicir entre algúns dos seus integrantes, porque, por descontado, non se pode meter a todo o mundo no mesmo saco.
Malia isto, o temos claro, imos seguir loitando do mesmo xeito, coa mesma forza, para que casos como o de Judith non se repitan, para que ser "compañeiro" ou "un deles" non lle otorgue a ningún maltratador mais, a ningún asasino, patente de corso.
Asociación Si, hai saída