Francisco Freire Vila
Exemplar!
Necesitáronse sete anos de traballo, case 13 mil apoios individuais e de 114 colectivos económicos, culturais, educativos, mediáticos e profesionais, tamén, o apoio de todos os partidos políticos, dos grupos parlamentarios e dos distintos gobernos da Xunta para conseguir que a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN) autorizase o dominio .gal, que estará dispoñible a principios do 2014.
Temos que estar contentos de que unha asociación sen ánimo de lucro, a Asociación PuntoGal, conseguise a forza necesaria e o consenso que sumou esforzos, tan difícil estes días. Esta vez ponse en valor o de "xuntos podemos" fóra do ámbito deportivo. ÿ unha mágoa que en aspectos tan importantes como a educación aínda non se pronunciase esa máxima para facer de todos unha lei de educación seria obxectiva e estable. Tomen exemplo!
Co dominio .gal os beneficios para Galicia van ser moitos, entre eles, a nosa lingua e a nosa cultura será máis visible internacionalmente, os galegos e galegas ímonos sentir máis orgullosos e importantes e, polo tanto, imos botar peito e recuperar a autoestima tan anulada por complexos e prexuízos, imos atopar máis rápido e eficazmente a información relacionada co noso ao estarmos presentes nos grandes buscadores, no aspecto económico reportará beneficios para Galicia xa que non só non marcharán para fóra capitais senón que se captarán ingresos do exterior, vaise incrementar a presenza do galego nas novas tecnoloxías e a lingua gañará prestixio internacional ao estar no primeiro nivel das linguas do Sistema de Nomes de Dominios. En definitiva, co dominio .gal dicimos ao mundo: somos galegos/as!
Seguimos pois, hoxe en día, coa proxección exterior que nos anos oitenta comezou coa moda galega e continuou logo nos anos noventa coa garantía Galicia Calidade. A nosa imaxe está a mudar, somos máis competitivos e dinámicos e sabemos conxugar moi ben o progreso e a modernidade co respecto e coidado da nosa lingua e cultura.
18.06.2013