Mar Seaxá
Envellecer e os cánones
O luns pasado todos os xornais e noticieiros da televisión deron o listado dos premios Goya. Para quen nos importa un pito os premios e a gala, recoñezo que nos dá curiosidade sabelo desa maneira. Non por nada en especial, é o mesmo que cos Oscar, vemos unha noticia rápida onde se mesturan esmoquins e traxes de gala longos. Puro cotilleo pola miña parte.
Entre tanto brilli destacou Benedicta, que xa é coma da familia, non fai falla poñer o apelido. Foi unha imaxe fresca e rompedora sen pasar antes polo centro de estética e sen poñer bótox, fios tensores de ouro, nin caralladas. Unha beleza que non puido superar ninguén dos presentes na gala.
Nos homes é un extra ao seu atractivo, cun nome: silver fox, raposos prateados, maduriños interesantes.
Nas mulleres non, en nosoutras é un síntoma de envellecemento e de descuido persoal. Outro exemplo máis de como se interpretan as cousas según sexamos mulleres ou homes.
Esa noite e os días posteriores, a Benedicta debéronlle pitar os ouvidos. Puxérona a parir porque levaba os cabelos sen pintar e por riba longos. E sen dentes, para rematalo. Penso que hai xente que non ten moito que facer. Cal é o problema se unha muller leva con orgullo a súa idade? Eu non vin unha deixada coma moitos dixeron polas redes sociais. Só vin a unha muller segura de si mesma e sen prexuizos.
Creo que iso é o que molestou, que unha muller decida ir sen ter en conta as normas sociais e se pase os convencionalismos por onde lle pete.
Por propia experiencia, sei ben o que significan as canas. Farta xa dos tintes, decidín que o mellor para facer a transición ía ser tinguirme toda de gris e logo deixar que crecera xa da súa cor. Aínda que pareza unha gilipollez, cando llo dixen á perruqueira miroume coma se estivera tola e díxome que me ía botar enriba dez anos máis. Coma se non tinguirme significara a miña morte social, que xa non ía ser atractiva (coma se eso me importara moito), e que tería que ir pensando en buscarme un centro para a terceira idade (que me parece unha magnífica idea chegado o momento). Vamos, que me pintou a vida negra, coma a cor que me tocaba poñer no pelo ese mes e ao final non puxen.
O resultado da miña decisión non gustou por igual, houbo xente á que lle gustou e outra á que non lle gustou e o dixeron. Está ben decir o que se pensa, pero en certas cuestións hai opinións que sobran, aínda que se teña confianza, que no meu caso e para a miña sorpresa, non a tiñan.
E voltamos a Benedicta e ás opinións contra o seu look, para min perfecto. Que pouca sensibilidade e que baixeza moral opinar con insultos sobre a decisión dunha muller que sabe o que quere e o amosa. E bravo por ela e os seus ovarios.
Houbo un comentario que pretendía ferir, pero que para mín significa o meu ideal: chamáronlle bruxa galega. Benedicta, téñoche envexa porque eu tamén quero selo.