Tribuna Viva
A Xunta de Persoal do Salnés apoia a manifestación en defensa da Sanidade Publica
A Xunta de Persoal do Salnés apoiamos a manifestación a celebrar o domingo 9 de febreiro ás 12 horas en Santiago de Compostela convocada pola Plataforma SOS Sanidade Publica.
A política sanitaria da Xunta de Galicia, presidida por Feijoo, está caracterizada por: os recortes de recursos; o desmantelamento dos hospitais, e con maior virulencia dos hospitais comarcais; o abandono da Atención Primaria; a vulneración de dereitos das persoas con problemas de saúde mental, e a falta de recursos neste nivel de asistencia; os recortes no desenvolvemento do plan de atención integral á saúde da muller; a ocultación e manipulación das listas de espera; a precarización e explotación do persoal e a privatización.
Esta política sanitaria está levando á sanidade pública a un punto de difícil retorno se non a paramos entre todas e todos. As protestas da Atención Primaria, as protestas de nais e pais desta comarca contra a falta de pediatras, son algunhas das manifestacións do malestar cidadán e profesional fronte a esta crise sanitaria.
Desde a creación da Eoxi Pontevedra Salnés no 2011 esta área sufriu un retroceso en autonomía, identidade e desenvolvemento. Xa naquel momento manifestamos a nosa preocupación pola situación de esta área sanitaria e polas condicións nas que nos atopariamos unha vez que se materializara esta integración. Temiamos que isto suporía unha absorción por parte do Complexo Hospitalario de Pontevedra ao trasladarse a ese centro todos os órganos de decisión, planificación e xestión.
Estabamos convencidos que coa integración se paralizarían o desenvolvemento dunha carteira de servizos axeitada as necesidades dos cidadáns da comarca Salnés.
Hoxe, anos despois, podemos afirmar que todo o que temiamos se cumpriu.
Asistimos a un aumento das listas de espera como consecuencia da falta de xestión e presuposto propio e a paralización dos proxectos de construción dos novos centros de saúde da A Illa e de Vilagarcía. Como consecuencia disto atopámonos con unhas consultas masificadas e unha lista de espera en atención primaria que chega a unha semana e nalgúns casos a 15 días.
Chegou o momento de concentrar os esforzos de toda a cidadanía e colectivos sociais e profesionais, por encima das lóxicas e lexítimas diferenzas, nunha gran manifestación de defensa da sanidade publica galega e contra o seu deterioro e privatización.
Agardamos unha resposta masiva da cidadanía e de colectivos sociais e profesionais que free e faga retroceder a política de desmantelamento e privatización do sistema sanitario público aplicada e chamamos a cidadanía da Comarca do Salnés a mobilizarse unha vez mais en defensa da Sanidade Publica.
Vilagarcía de Arousa, 4 de febreiro 2020
Xunta de Persoal do Salnés