Mar Seaxá
Vuelve el hombre
Fai anos, case sempre polo Nadal, había uns anuncios de colonias para home que destacaban a masculinidade. Unha muller en moto e cun traxe vermello de dominátrix buscaba a Jacq´s mentres baixaba a súa cremalleira ata case o seu embigo. Non sabíamos se o atopaba, porque aínda que a Jacq´s se lle podía ver detrás da persiana da súa fiestra, el non baixaba. Supoño que por medo á ninfómana da moto grande.
Máis fino era o anuncio de Brummel, onde unha muller no que parecía o Orient Express se cruza no corredor, que como é ben sabido é moi estreito, e nese momento queda abraiada polo cheiro de Brummel. A seguinte escena é da muller botada no sillón do coche cama, Brummel triunfou. Coma podemos adiviñar, os da colonia Brummel vendían máis que os de Jacq´s.
Eran tempos escuros para o feminismo e os publicistas non se cortaban un pelo en facer da muller carnaza para vender o que fora.
Aínda hai homes que deberon quedar pegados ao televisor sendo nenos ou adolescentes ao ver aqueles anuncios. Eu coñezo a dous polo menos, non os coñezo personalmente por sorte, pero sei deles. Eles chámanse Santiago e Javier, son amigos e veñen de Madrid, presentación copiada do Un, Dos, Tres, que xa teño unha idade.
Santi e Javi, que coma os vexo día si e día tamén, xa podo chamalos así, son homes de pelo en peito e gardiáns das esencias patrias (da súa patria). Sorprenden a todas e todos con exhibicións da súa casposa masculinidade. Santi lémbrame un pouco ao meu can Toxo, compacto e sempre disposto a ladrar a calquera que se lle poña diante. Aínda así, sigo querendo a Toxiño. Non ten culpa de que alguén sexa coma el.
O momento Jacq´s de Santi: montar a cabalo coma se fora un Putin calquera. Non lle deu por montar a peito descuberto, como ao ruso, pero todo se andará. Din que os polos opostos se atraen e neste caso así é, quén o ía decir.
E Javi, que podemos decir de Javi? Home fornido, descendente natural de Bertín Osborne, engominado e con pata de xamón na cociña. Macho man.
Momento Jacq´s de Javi? Ir a un campo de tiro do exército español e coller un fusil de asalto, o máis grande que atopou, por iso do falocentrismo, e poñerse a botar tiros. Agora de pé, perna atrás, agora un pouco agochado, agora xeonllo a terra, agora deitado... Igualiño que Rambo. Hai que felicitar ao departamento de caballeros do Corte Inglés pola fexibilidade dos seus pantalóns grises de pinzas. Aguantaron ben a situación aínda que Javi ten que recoñecer que para iso, mellor os de camuflaxe con moitos petos.
Que ben o pasamos con Santi e Javi!