Xesús López Fernández
¿Máis peatonalización?
Prefiro usa-las palabras peatón, peatonal, peatonalización, que coido son tamén verbas galegas, socialmente usadas. Outra cousa é que haxa xentes que non-as queiran vere nos nosos diccionarios. Peonil ou peón poden ter, teñen, unha polisemia que non sempre se ten en conta. Así, peón significa: obreiro que non precisa arte, trompo ou buxaina, especie de tolete que vai espichado por baixo das chedas do carro pra favorece-lo atado da mercancía con cordas, tamén chamado brión (pl. brións, briós, briois), certo tipo de peixe. E inda hai máis. Pero estou vendo que cando se indica "espacio peonil" pode mesmo estar referida esa nomenclatura a un lugar pra xogare ó trompo. Mellor, pra ese enrediño, chan terreiro.
Pero quero referirme á nova peatonalización anunciada, á aniquilación do tráfego nas rúas Benito Corbal, Sagasta, Daniel la Sota, Castelao e Cruz Gallástegui, que coido vai máis alá do sentido común si se tenta manter viva a cidade que, se nalgún tempo foi toda ela un centro comercial, deixaría de ser cita obrigada prás xentes dos arredores que agora non precisan entrare na cidade. As grandes superficies e outros centros situados na periferia, con parking gratis total, cubren actualmente a demanda dos que foron siareiros da boa vila ó longo de séculos. A cidade en sí, en gran parte morta, parece vai morrere aínda máis.
Alguén decía hai uns días que os comerciantes de Castelao e Cruz Gallástegui demandaban máis peatonalización e que son eles, os tendeiros, os que saben de circulación. Narices, que todo foi unha campaña montada, presuntamente, por dous hosteleiros, seguramente con local pequeno, que tentan aumenta-lo seu terraceo, nalgunhas partes de miseria total. Ocuparían así, como propio e coa claudicación dunha política urbanística xangal, espacios públicos. Como en Curros Enríquez, praza da Verdura, a miseria mercantil na que se veu conformando a cidade, parques temáticos se o tempo o permite: demostración de malabares, fabricadores de pompas de xabrón e outras demostraciós de mendicidade.
Lembro agora un vello artículo, "O laberinto de Lou-lo-Chu", no que se describía a reconversión da urbe ós diagramas de Venn, a perda da circulación radial, a anulación das arterias e a imprantación da circulación por medio dos grandes bucles urbanísticos e caóticos. No artículo aludido deciase que un camión entraba na García Sánchez dende o espacio da Audiencia. O conductor, un chino, parou un momento pra perguntare: ¿Avenida de Lou-loChu?. Un amigo meu, que o atendeu, presinteu que o que realmente quería decir era: "¿Avenida de Loureiro Crespo?". "Sí, sí, Lou-lo-Chu", dixo o conductor. E, como puido, o amigo indicoulle o camiño a seguir por García Sánchez, praza de Galicia, Eduardo Pondal, e que mais adiante volvese perguntare.
A nova actuación vainos convertire en máis laberinto de Lou-lo-Chu porque a nosa sociedade non soubo comprendere o que sí se evitara na época de Rivas Fontán, cando máis de catrocentos comerciantes se opuxeron á peatonalización da zona vella. Lembremos que incluso no 1997 Ernesto Filgueira se manifestaba en contra da peatonalización salvaxe que algús promovían e que el mesmo apoiaría xa co Bloque no poder. Hoxe, a cidade está claudicando. E a deslocalización das familias, ese marcharse cara fóra, é consecuencia da denunciada peatonalización. Co novo arrebato peatonalizador, ¿qué vai pasar co Hotel Rías Baixas? A ver se aínda hai sentidiño pra non face-lo que xa está denunciado.
19.06.2013