Manuel Pérez Lourido
Chuviscas en Galicia
Imos falar da chuvia pois poucas cousas hai da que un galego poida entender máis, polo menos se consideramos que da experiencia tiramos coñecemento. A chuvia ten moito nomes, din que máis de setenta, e poucos noivos. Algún deles tan marabillosos como: froallo, babuxa, poalleira... e isto só para falar dunha chuvia moi feble. Cando chove a cachón falamos de: arroiada, bategada, chuvieira, xistra ou zarracina (entre outros). Saber poñerlle nome ás cousas é unha arte coma outra calquera. Os angloparlantes son, por exemplo, moi pouco poéticos e escollen o máis sinxelo e directo que atopan a man. Fan como facemos nós con beirarrúa (sidewalk din eles). Os moitos nomes da chuvia en galego falan da importancia deste fenómeno nas nosas vidas, da súa repetida visita, da súa teimuda presenza. A chuvia en Galicia é como os retrousos das bandas de post-punk, que mazan nun ata que o teu corpo semella que se vai afastar de ti e que ficarás só un espírito na néboa. Iso cando bate arreo, porque cando só orballa, a cousa é máis ben coma unha balada country da época en que Dylan gravaba "Nashville skyline" con Johnny Cash. Neste caso tamén podes acabar desaparecendo pero de puro derreterte no medio dese gota a gota que semella non estar pero te deixa enchoupado ata os miolos.
O que menos nos gusta aos galegos da choiva, que levamos ben ou moi ben e da que nos namoramos ben cedo, é a humidade. Aí temos un problema, ou máis ben o teñen os nosos ósos. E imos deixalo niso, xa nos imos falar de artrite e artrose que son asuntos que a humidade adoita converter en tortuosos ao longo dos anos e que, xa de vellos, só se superan a base de licor café ou de café con augardente. Algún día alguén terá que escribir un ensaio sobre a relación entre a humidade do clima galego e o licor café. Algo que tería que abordar, por suposto, a marabillosa expresión de que "chove por dentro e por fóra". Falando de expresións, está aquela tan retranqueira e acertada para dicir que a alguén "chóvelle na cabeza", que está claro que quere dicir que a alguén lle chove na cabeza.
Un dos homes máis queridos e respectados na nosa terra é Santiago Pemán, de profesión "home do tempo" na radiotelevisión galega, gañou a súa sona dun xeito un tanto estraño: anunciando chuvias. En Galicia. Tamén foi protagonista dunha frase que escoitei na aldea a unha señora que falaba con outra nunha finca. Eu tiña moi poucos anos, e que non esquecín xamais aquelas verbas. Unha frase sinxela, coloquial, pero que se fixo estrofa de dous versos no meu maxín: "o home do tempo deu / chuviscas en Galicia". Para min ese verbo, "deu", implicaba que o home do tempo estaba directamente implicado na produción da chuvia.