Boris Rodríguez Pintos
Resumo da Xornada 6 da LEC: segue a loita pola primeira praza
A sexta xornada da LEC chegaba cun cuádruplo empate na primeira posición entre Fnatic, G2, Misfits e Origen. A partida do venres entre Fnatic e Misfits facía difícil que ao remate da xornada se repetise a mesma situación.
A vitoria entre os dous equipos levouna Fnatic, que tamén cumpriu o sábado fronte ao Schalke. Os laranxas lograron unha vitoria contra os coellos moito máis fácil do que moitos esperaban. Bwipo e Némesis colocábanse 3/0/0 poucos minutos despois de empezar a partida, demostrando a seriedade coa que o seu equipo viña a xogar.
G2 tamén gañou os dous encontros. Cando os de Ocelote teñen o día moi poucos equipos poden frealos, e nin SK, nin Vitality, ían ser deses equipos.
O terceiro dos grandes, Origen, tamén levou as dúas vitorias, forzando o triplo empate na primeira praza. Con todo, o equipo de Guilhoto sufriu moito máis que os seus rivais para gañar as partidas. O Schalke 04 deulle máis problemas dos esperados e tiveron que facer ata dous backdoors para poder levar a vitoria. O encontro fronte a Rogue xa viña como un óso duro de roer. Os roguetianos viñan con intención de meterse na loita polos primeiros postos, cousa que Origen non ía permitir. O equipo, liderado por Xerxe, controlaba a partida desde o comezo deixando pouca marxe de actuación a un Rogue que loitou con garra ata o final a pesar de non conseguir o triunfo.
No outro lado da clasificación queda Vitality, solitario na última praza cunha vitoria. Moi preto atópanse SK e o Schalke que teñen dúas vitorias, unha máis que o pechacancelas.
A vitoria de Excel fronte aos leóns o sábado déixaos cun parcial de 6-6, moi preto desas quinta e sexta prazas que manteñen Mad Lions e Rogue con 7-5, e que dan o acceso aos play-off.
No medio das dúas batallas queda Misfits. Con oito vitorias colócase o a cuarta posición, seguindo o ronsel dos tres primeiros. Os coellos están desexosos de loitar pola primeira praza mentres vixían polo espello retrovisor a encarnizada loita que se disputa por conseguir os postos de play-off.