Marta Rodríguez Engroba
O coronavirus faime dicir unha vez máis: "Pobre da que lle toque"
Hai unha semana, cando o estado de alarma por mor do coronavirus era ainda unha posibilidade, desde Si, hai saída xa expresamos o noso temor polo que isto, de chegar a confirmarse, implicaría para as vítimas de violencia de xénero que se verían obrigadas a convivir co seu agresor as 24 horas do día, e con escasas posibilidades,ou incluso ningunha, de pedir axuda no caso, máis que probable, de precisala.
Alertamos tamén de que, en moitos deses fogares, ou, mellor dito, domicilios, porque non se lle pode chamar fogar a ningún sitio onde o terror impera, viven menores, nenas e nenos que van sufrir este confinamento coa compaña do medo, medo daquel que se supón tería que protexelos, agarimalos, facilitarlles estes momentos de incerteza, e quen sabe se tamén co perigo para as súas vidas.
Comprobamos, con asombro e con indignación,como ninguén, desde eido ningún,semellaba ter esta circunstancia en conta, e tivo que pasar ainda a fin de semana para que o goberno se pronunciara. Un goberno que, coma sempre, chega tarde, e, lamentamos dicilo, mal, amosando, unha vez máis, o seu total descoñecemento do inferno real que as vítimas da violencia de xénero, e seus fillos, sofren.
Desde ese goberno noso, que prometía toda unha batería de medidas cando tomou posesión, anunciaron unha serie de actuacións que se levarían a cabo "nos próximos días", co cal xa nos deixan ben claro que descoñecen o máis elemental, que a violencia machista non admite esperas, que hai que actuar XA, que cada minuto, cada segundo, contan, e que moitas mulleres levaban xa máis de 48 horas pechadas co seu maltratador.
Somos conscientes, por suposto, de que hai situacións na vida que non son previsibles, e que o coronavirus foi unha delas, ou iso nos fixeron crer, e que nos colleu a todos, goberno incluido, por sorpresa, pero, aínda así, cando se trata de algo tan grave como a violencia machista, non hai lugar á improvisación, porque moitas vidas poden pagar un precio demasiado caro por ela.
Entre esas actuacións, falaron, por mencionar algunha, dun sistema de mensaxería instantánea, por mor do cal a vítima podería solicitar de inmediato a axuda da Policía.
Mal imos, cando semellan descoñecer que se hai algo común a todos e cada un dos maltratadores é o control férreo dos teléfonos das súas parellas, e mesmo chegar a quitarllo, algo que é case seguro nun caso como o que estamos a vivir.
Non é soamente que elas non poidan chamar. É que mesmo os que estamos habitualmente en contacto con elas e lles facemos un seguimento o máis estreito posible non podemos chamalas, nin escribirlles, porque correr o risco de que a súa parella vira a nosa chamada, ou a nosa mensaxe, podería traer consecuencias fatais para elas.
O mesmo podemos dicir en canto aos teléfonos de contacto que facilitaron.
Tan difícil é de entender que o primeiro que vai tentar o maltratador é quitarlle calquera dispositivo que lle permita establecer contacto para pedir axuda?
Dixeron tamén desde o Goberno que lles pediran un listado dos seus recursos e servizos a todas as comunidades autónomas para garantir que o 016 funcionara correctamente... Ainda non o tiñan claro?
Por outra banda, aseguran que todos os servizos destinados a axudalas van seguir funcionando ao cen por cen, e que mesmo se reforzarán, por se algunha delas precisara, por exemplo, ser aloxada nun piso de acollida, algo moi bo, sen dúbida algunha, pero que sigue sen solucionar o básico e fundamental, como piden axuda?
O mesmo se pode dicir en canto a atención psicolóxica que se lles ofrece neses números telefónicos.
Evidentemente, esa axuda é moi importante, pero agora mesmo non é prioritaria.
A prioridade e tentar salvarlles a vida, polo que, de ter a posibilidade de facer unha chamada QUE SEXA Á POLICÍA! Non hai tempo que perder, e son os únicos que poden acudir de inmediato.
E que dicir deses consellos que algún medio recolleu, facilitados, segundo din, por expertas?
No primeiro deles dínlles que non se queden a soas co seu agresor....E se viven so con el?
Sen esquecer o feito de que, descoñezo as dimensións das vivendas desas expertas, pero as da maioría dos mortais non dan para illarse da persoa coa que convives.
Tamén lles recomendan evitar o conflito co maltratador, e non responderlle con berros ou ameazas veladas......Cústame seguir! Realmente teñen nin a máis leve idea do pánico que sinte, sentimos, unha muller nesas circunstancias?
E que, aínda por riba de ter a súa vida pendente dun fío, teñen que responsabilizarse de non alterar a fera? É, sinxelamente indignante.
Dinlles que procuren ter sempre un teléfono a man. Máis do mesmo!
É un paradoxo que, sendo expertas, tampouco elas teñan en conta que quitarlles o teléfono será das primeiras cousas que fagan os seus verdugos para asegurarse de que non poidan pedir axuda.
E se hai un consello que me removeu aínda máis, foi o de que procuren que a agresión, no caso de producirse, non sexa na cociña, polo utensilios que adoita haber nela, como coitelos, por exemplo.
Pois miren vostedes, señoras expertas, que o serán non o dubido, eu fun unha das agredidas na cociña, previamente a ser arrastrada polo resto da casa, iso si, porque, saben que? As agresións, as malleiras, non se programan, e eu, coma tantas outras mulleres, xa tiña a aquel malnacido enriba de min antes de que puidera, sequera, decatarme da súa presenza.
Non houbo un aviso, nada que fixera sospeitar a agresión que case me custou a vida.
Saben realmente do que están a falar?
E din que todos estos consellos son para previr, controlar e minimizar as consecuencias negativas que esta situación de confinamento poderían ter nas súas vidas...
Se non fose porque as circuntancias son realmente tráxicas, sería para rir ata as bágoas, porque isto semella ser un chiste malo, pero un chiste que se pode cobrar vidas.
Por iso, desde Si, hai saída, e por enésima vez nestes días, non podemos máis que apelar, de novo, aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, e pedirlles que extremen o seguimento, e as comunidades de veciños, fundamentais, que ante a mínima sospeita de que se poida estar a producir unha situación de violencia de xénero, dean a voz de alarma e non dubiden en chamar a Policía.
Que non o ignoren, por favor, porque algo tan sinxelo como unha chamada telefónica pode salvar unha vida.
Por favor, non deixedes de facelo, porque, como podedes comprobar, a día de hoxe, por mor do coronavirus, igual que sempre, no que atinxe a violencia de xénero, pobre da que lle toca!
Asociación Si, hai saída