Marta Rodríguez Engroba
Volver co maltratador, a única opción para moitas vítimas de violencia de xénero
A piques de rematar a terceira semana de confinamento, e cun panorama algo máis que incerto que ainda non nos permite albiscar o seu final, semella que o mundo comeza a decatarse da tremenda situación na que se encontran moitas vítimas de violencia de xénero.
O mundo e o goberno, o cal demostra o lugar secundario que esta tremenda lacra e as suas vítimas ocupan na nosa sociedade, por moito que se tente vendernos o contrario, algo que queda patente no feito de que, ata o pasado Mércores non se presentara en Galicia a campaña coas medidas destinadas a sua protección, e que, malia que tarde, moi tarde, benvidas sexan, máis amosan, e non me cansarei de repetilo, que o concepto "confinada co agresor" non acaba de quedar claro, e que, os que os encargados de idealas non consiguen entender ou non escoitan aos que tentamos transmitilo, que ese confinamento inclúe impedir o acceso ao teléfono e, por descontado, agás rarísimas excepcións, non poder sair a rua, a menos, claro está, que o verdugo as escolte.
E se este aspecto da violencia de xénero ainda non está suficientemente claro, menos ainda podemos pretender que o estea outro que, polo menos tal como estamos a percibilo en Si, hai saída, non se está a ter en conta para nada, e que reflicte a gravísima situación na que a terrible crise na que nos atopamos por mor do coronavirus deixará a moitas mulleres que viviron a violencia de xénero.
Estou a referirme a esas mulleres que, despois de moito medo, de moitas dúbidas, decidiron rachar co seu maltratador, e tentar iniciar unha nova vida digna, sen medo.
Algunhas soas, outras xunto aos seus fillos.
Materializar esa decisión implicou para todas elas un esforzo que ninguén, agás quen o viviu, pode entender en toda a sua dimensión, porque a volta a vida "normal" require para elas unha aprendizaxe que non se diferencia moito do proceso de ensinar a un neno a camiñar.
Hai que axudarlles a dar os primeiros e vacilantes pasos da man, e soltalas pouquiño a pouco, tendo coidado de estar sempre preto, porque os tropezóns, as caidas, son inevitables, ata acadar un equilibrio que ainda será precario durante moito tempo, e co que calquera empurrón, calquera atranco no camiño, poden dar ao traste e botar por terra nun momento o traballo de meses, ou mesmo de anos.
Son mulleres que estiveron, por mor do seu agresor, totalmente illadas do circuito social e profesional, co cal, atopar un emprego que lles permita sobrevivir é algo enormemente difícil, xa que, ou non teñen a formación precisa, ou, de tela, non poden invertir tempo en reciclarse, nin teñen recursos para isto.
Ese é un luxo que non se poden permitir, porque necesitan atopar urxentemente un medio de subsistencia, que lles permita manterse elas e seus fillos, ademais, por suposto, da imperiosa necesidade de acceder a unha vivenda.
Todo isto ten como resultado que se atopen na tesitura de aceptar calquera traballo que lles ofrezcan, ainda sendo na maioría do casos precario, mal pagado, e mesmo ilegal, sen contrato, sen soldo fixo, traballando horas e horas, nunhas condicións que se poden cualificar de calquera cousas agás de dignas.
Limpezas, servizo doméstico, coidado de maiores ou nenos, son os sectores aos que case todas estas mulleres se ven na necesidade de aferrarse.
Tal vez algunhas "privilexiadas" consigan traballar na hostelería, ou mesmo como comerciais.
En calquera caso, todos estos traballos teñen un denominador común. Remuneración escasa, ou mesmo a comisión, supeditada as ventas que realicen, horarios abusivos, e ningún tipo de regulación que as protexa.
Pero é todo canto teñen, e non se poden permitir o luxo de perdelo, porque este é o único eslabón que as une a esa vida normal, sen medo, a que teñen todo o dereito, pero que o sistema, a sociedade, guste ou non admitilo, lles nega, malia que esa vida "normal" implique ter que contar sempre ata a última moeda, o medo constante aos cortes de subministros en calquera momento, ou chamadas ao seu caseiro para pregarlle que lles permita aprazar o pago do aluguer ata que poidan reunilo.
O día que o maldito coronavirus obrigou a decretar o estado de alarma , para todas elas comezou tamén un pesadelo engadido, o pesadelo de saber que ese delgadísimo fío que as unía a esa vida sen medo, case con toda seguridade se romperá en calquera momento.
Moitas delas tiveron que seguir traballando os primeiros días, porque para elas non existe o teletraballo, algo inconcebible para quen traballa en casa allea, ata que a gravidade do que estaba a acontecer o impediu.
Moitas marcharon sen cobrar, outras cunhos escasos euros, e, por suposto, nada percibirán polos días, sexan os que sexan, que estean sen traballar, e eso non mellor dos casos, porque algunhas non volverán a facelo.A necesidade de restrinxir gastos fará que prescindan de elas.
Para elas non existen ERTES, nin siquera un despido polo que ser indemnizadas.
Nada as vincula aos seus "empregadores", e non teñen, porén, ningún dereito.
Tampouco as axudas que o goberno anunciou estarán ao seu alcance.
Traballaron en negro, polo que non van, de xeito ningún, poder demostrar que os seus ingresos diminuiron, sinxelamente porque a efectos laborais, legais, non existen.
Hai un aspecto desta pandemia que, curiosa e tristemente, para elas supuxo un alivio: A prohibición de cortar os subministros mentras dure o estado de alarma, máis no momento no que este remate, a obscuridade, o frío, volverán aos seus fogares, porque, se xa tiñan dificultades para facer fronte as facturas, esta será ainda maior cando teñan que abonar tamén as deste tempo no que o consumo nos domicilios se incrementou de xeito notable, malia que tampouco importa demasiado, porque o seguinte que perderán, case con toda probabilidade, será a vivenda.
Pagar o aluguer, algo que xa era difícil, será agora imposible.
Están totalmente atrapadas nesa situación irregular, coa que a duras penas conseguían ir tirando.
Así as cousas, máis de unha destas mulleres, que ainda non puideron desterrar a sombra do seu maltratador, que non asume o "abandono" e que, de cando en vez, tenta irrumpir de novo nas suas vidas, comezan a considerar que a única posibilidade de sobrevivir de aquí en adiante, máxime se teñen fillos, será volvendo coa sua ex parella, co que tal vez estivo a piques de matalas, co que viviron un continuo inferno de terror, pero que é o único medio para ter un prato de comida na mesa e un teito baixo o que vivir.
Tráxico!
Non escoitei a ninguén do goberno, nin a ningunha desas "especialistas" que se prodigan nos medios de comunicación, falar desta cara da violencia de xénero que, malia que non se fale dela, existe.
Ninguén as ten en conta, ninguén prevé axuda ningunha para elas, a ninguén se lle pasa pola cabeza que este sistema noso, cada vez máis deshumanizado, as está abocando a que tal vez sexa a súa sentencia de morte.
Moitos dos que nestes días esixen solucións para poder seguir adiante cos seus negocios, non tiveron escrúpulo algún en ter a algunha destas mulleres traballando ilegalmente para eles, como tampouco o teñen agora en botalas, pero claro, xa sabemos que hai cidadáns de primeira e de segunda, e queda claro en que categoría as incluen a elas.
Non sabemos como axudalas, ou, mellor dito, non podemos axudalas, ofrecerlles unha alternativa que lles impida tomar unha decisión que pode ser letal.
É, sinxelamente, inhumano.
Asociación Si, hai saída