Pedro J. Peón Estévez
Recortavirus
Non son todos iguais. Hai a quen convén, e moito, meter a tódo-los políticos no mesmo saco co ánimo de repartir a larafuza que só uns poucos xeneran. Eu son dos que pensan que a política é unha arte e as artes son para os artistas, é dicir; que non vale calquera para segundo que oficios. Houbo un tempo, antes da longa noite, que o melhor de cada familia ía para a política. Pero un día, un ex ministro franquista armou un partido e alí se arrimou toda unha caterva de mediocres cobizosos daqueles que rezan: "Senhor; non che pido que me deas, só ponme onde haxa". Unha vez alí fan o que melhor se lhes dá: meter a man. Se non os pillan, van decote ostentando a sua listeza, máis se os cachan, axinha saen conque "é unha persecución política", "iso é ab-so-lu-ta-men-te falso" e "e ti máis" (observen como erguen as celhas, enrugan a fronte e din ab-so-lu-ta-men-te a cada pouco. Un amigo meu inventou un sistema infalible para detectar votantes do partido franquista: soen dicir "son todos iguais; eu de política paso; que vaian trabalhar" e sempre levan a papeleta da casa. Boa parte deles son "carretados". Os seus cargos e carguinhos destacan como falsificadores de títulos académicos. Sempre é máis cómodo que estudar. Xa o dicían o Rajoy mailo Fraga: "os da dereita somos máis listos". E tanto.
Mentres en Portugal a dereita apoia sen paliativos ó presidente da república e a OMS valora positivamente as medidas implantadas polo governo espanhol, así como a meirande parte de países europeos e a prensa mundial, o governo Sánchez vese obrigado a carrear coa dereita ó lombo. Se os reaccionarios sempre foron un lastre para este país, arestora a cousa é grave pois pretenden que esta pandemia favoreza os seus torvos plans. Coidan que un país debilitado por unha cuarentena sexa máis fácil de asaltar. O país estará enfermo pero (olho!) o povo está máis forte que nunca. E aí temos ó novo trío dos Açores urdindo acosos, derribos e golpes de estado como se isto fora unha república bananeira. A Cazado solicítanlhe axuda ante Europa e Cazado záfase facendo mutis polo foro. Iso ten un nome, un nome que nin me atrevo a pronunciar. E como posturea o tipo con ese novo look pseudo-intelectualoide que gasta. A este gústanlhe máis as cámaras que un caramelo a un churumbel. Gústanlhe tanto como a Feijóo, que xa é dicir. Porque ese é outro. Tras andar facendo o "pequeno Nicolás" por Espanha adiante, coándose nas fotos dos xerifaltes nacionais pepeiros, agora sae na telegaita día si, día tamén (e que non tenhen outro?). Mesmo badúa en castelán malia non ter idea…"caramba con el angaso!" Debeza polo posto do Casado pero non quere que se lhe note. Coma así, amosa o careto a diario na tvg dando todo tipo de explicacións médico-científico-técnicas sen tatexar nin se por colorado como se non souberamos que ten moita culpa do debilitamento da sanidade espanhola. Como se non estivera desmantelando o materno de Verín hai só uns días. Que cara nos está a sair a promoción de Casado e Feijóo ! E que caras tenhen os dous!!
E non tenhen pudor en berrar ós catro ventos: " non hai mascarilhas!, non hai respiradores!" Preguntástelhe a Rajoy onde os meteu ? Si, ese mesmo que anda desaparecido ultimamente e que xa daquela, cando era presidente da deputación, xa recortaba medios no hospital provincial. Cando casou seguía recortando. Lembran unha pancarta na súa voda, na Toxa, que ponhía : "marisco conxelado para o novio". Eis a sua "brillante carreira política": recortes e conxeados. Onde anda o tipo? Pois mira que a este tamén lhe encantan as cámaras…Este e mailo Aznar son os culpables do arraso da sanidade e a educación. Os demais peperulos non, Os demais son só cómplices, alcaiotes, mamandurrios…
E nestas anda o governo. Non tinha abondo co coronavirus que ten que restaurar o país que desmantelou o "non grato" retirando o criminal Real Decreto 16/2012 que deixou ós máis humildes desatendidos, entre outras cousas pois tamén é o decreto do famoso copago farmecéutico, o "medicamentazo", lembran? E aínda o que queda! Do desastre de Educación e/ou investigación xa nos ocuparemos máis adiante, se acaso.
Por último engadirei que me parece moi bonito esa recomendación de conceder o príncipe de Asturias ós sanitarios e o Nóbel da Paz, por que non? Tamén os aplausos das oito e demais homenaxes. Así e todo pareceríame melhor apoialos cando se manifestan para expor os moitos problemas da sanidade. Sempre que podemos, a mulher e eu témolos acompanhado nas prazas e rúas de Pontevedra e daba moita mágoa. Só eramos catro. Por diante nosa pasaban moitos, algúns retorcendo o focinho e rosmando: "aí están os catro de sempre…se foran trabalhar…seica non ganhan bastante xá…" Espero que non volva pasar porque non só é por eles, por eses que están morrendo por nós, que nos dan a vida, e que é un problema noso, DE TODOS! Incluso de Feijóo e Cazado que están aí coma o can do hortelano que…
O que arestora me preocupa e que ninguén me aclara é ata cando vou dispor de auga corrente na torneira.