Manuel Pérez Lourido
Parvadas da pandemia
Comezo a sospeitar que foi Jeff Bezos, o capitoste de Amazon, quen artellou este asunto do coroavirus. Chamarlle "asunto" éche moita frivolidade, seino, pero todo este artigo enteiro vaino ser. Tamén é frívolo atribuílo sen máis a unha tenda onlino, pero eu digo o de Bezos pola clásica pregunta, quid prodest?, que se fai nas investigacións policiais, a quen beneficia? Amazon abrirá 175.000 novos postos de traballo nesta corentena para reforzar o seu servizo en todo o mundo. Ben certo é que sospeitar é gratis e, sendo galego, non ten mérito algún: os galegos sospeitamos igual ca respiramos, a un ritmo constante e sen esforzo ningún. A gran baza de Amazon con respecto a outras empresas online de ámbito mundial é a súa hexemonía á hora da distribución. E se por riba teñen unha tarifa plana de envíos que che da opción a unha plataforma de pelis e series online, resultan invencibles nestes momentos.
EEUU, que país! Por un lado Bezos enchendo a saca para que nós enchamos as casas de futuros produtos para Cash Converters e por outro Donald Trump soltando receitas disparatadas contra o virus en horario de máxima audiencia; Bob Dylan subindo ás redes cancións monumentais mentres outros soben trapalladas cunha guitarra de pau na porta da cociña (tíñaas agochadas o condenado) e os gobernos do mundo enteiro darían millóns por unha guía infalible para abordar desescaladas (isto non ten que ver co outro, xa o sei). Desescalada que nos permitirá saír un pouco ao principio, aínda que sexa agochando o sorriso detrás das máscaras.
O das máscaras é moi curioso: ademais dunha oportunidade para que os multimillonarios as comprasen como agasallo para os que non somos multimillonarios, unha morea de xente púxose a facelas pola súa conta e ata houbo unha empresa que as decorou cunha bandeira española para lla vender aos que son máis españois cos demais, por exemplo, a portavoz de Vox no Congreso. Saíu en todos os medios, que era o que quería esta señora, Macarena de nome (ei….Macarena!). Xa só nos quedaría poder ver aos "anticorpos españois" de Ortega-Smith "loitando contra os malditos virus chineses" e xa podiamos apagar a luz e meternos en cama ata a seguinte pandemia.