Tribuna Viva
Na defensa da rehabilitación dos Baños do San Xusto
A Asociación de Veciños A Cividade de San Xurxo de Sacos quere manifestar, ante denuncia do alcalde de Ponte Caldelas ao convenio da rehabilitación dos Baños do San Xusto , os seguintes acordos:
- Para a nosa asociación e a totalidade da veciñanza da parroquia de San Xurxo de Sacos a recuperación paisaxística e ambiental dos Baños do San Xusto para a súa conversión nun espazo termal público de lecer respectuoso coa contorna é unha actuación fundamental e irrenunciable e que fai xustiza co seu gran valor natural, polo que loitaremos pola súa execución ata as últimas consecuencias.
- Cremos que se trata dun proxecto que vai poñer en valor un espazo único na contorna do Lérez e que vai ter unha gran importancia socioeconómica e natural para a nosa parroquia, o noso concello e toda a comarca das Terras de Pontevedra.
- A parroquia de San Xurxo de Sacos está unanimemente unida en torno a esta obra, con independencia da ideoloxía política de cadaquén, e vai manter esta postura común de xeito inquebrantable ata o final, do mesmo xeito que, cando na década dos noventa, se producíu un movemento similar na defensa da Carballeira do San Xusto.
- Manifestamos o noso apoio absoluto ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, para que desenvolva todas as accións que correspondan para defender esta actuación, que debe manterse unha vez que a súa posta en valor foi xestionada con éxito, a nivel administrativo e de financiamento, por parte do Concello nun longo traballo realizado ao longo dos últimos cinco anos. Ninguén antes se preocupara deste lugar.
- Solicitamos que o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, cese de inmediato na súa postura de ataque, boicot e deslealdade contra a rehabilitación dos Baños do San Xusto.
- A asociación pretende, tan pronto como se levante o Estado de Alarma pola crise sanitaria do coronavirus e o permitan as condicións de seguridade, celebrar unha xuntanza de toda a veciñanza de San Xurxo de Sacos para a constitución urxente dunha plataforma de defensa dos Baños do San Xusto.
Asociación de Veciños A Cividade
San Xurxo de Sacos | Concello de Cerdedo-Cotobade