Tribuna Viva
Dereito a saír a pasear ao monte
O día 12 deste mes fixo dous meses que fixemos a nosa última saída de campo, varios días despois aínda podíamos facer algunha saída máis ata que puxeron o estado de alarma. Decidimos empezar nos xa a confinarnos en casa debido ao aumento de casos que estabamos coñecendo polos medios.
Xa levamos estes dous meses confinados nas nosas casas respectando as normas impostas. Agora mesmo na Fase-1 disque non podemos saír a pasear a máis de 1 quilómetro das nosas casas. Porque os que fan deporte teñen a liberdade de moverse por todo o concello sen límite de quilómetros?, os ciclistas igual...
Por outra banda os que teñen segunda residencia na provincia de Pontevedra se poden mover ata a súa outra casa, poñamos un exemplo, un cidadán que vive no concello de A Guarda pode ir a súa segunda residencia (no caso de que a teña) ata o concello de A Golada, (120 quilómetros en liña recta), isto é inconcibible....
Nos nas nosas saídas de campo andamos varios quilómetros, non temos presa e non corremos, esta é a nosa forma de facer deporte, non utilizamos prendas deportivas de marca, cada un de nos imos co que temos, un pantalón vaqueiro, unhas botas todoterreo, mochila, cámara de fotos, froita, auga, etc. Esta é a nosa forma de facer deporte e gozar da natureza, non é un risco para a propagación do virus.
Estes días vemos as rúas con viandantes que non respectan as distancias establecidas, moit@s sen "mascarilla" que recomendan usar para protexernos a tod@s, en certos establecementos estamos observando aglomeracións de xente en vez de facer a cola como debe ser, agora coas terrazas xa no primeiro día houbo problemas de comportamento duns poucos, iso no monte non pasaría, hai máis espazo para todos.
Nestas normas establecidas todos temos que ter os mesmos dereitos e obrigas a hora de poder saír a desconectar. Nos non desfrutamos paseando en medio da xente, dos coches, das motos, queremos estar en total tranquilidade escoitando os paxaros na natureza, o son da auga dos regatos, as abellas cheirando nas miles de flores da primavera, etc.
Por iso queremos que se nos aplique a mesma norma que aos que fan deporte, ou se non habería que facer o mesmo aos que vaian a correr, que tamén o fagan a 1 quilómetro das súas casas, ou non somos todos iguais?
Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro de Bueu