Tamara Andrés
Cunha xesta na man
Día das Letras Galegas 2020
Querida veciñanza:
Mentres que son días terribles para moitas persoas, outras contentámonos cada día da saúde da nosa contorna. Escríbovos estas liñas porque, alén de continuar traballando por vía virtual, ficar na casa durante estas semanas permitiume realizar lecturas ou relecturas e tamén reflexionar, reflexionar moito.
Durante os últimos días, as nosas letras e o día que lles dedicamos hoxe ocuparon boa parte desa reflexión; que son?, en que situación están?, quen forma parte delas?, cara a onde orientamos tantos esforzos cada ano?
Desde 1963, como ben sabedes, homenaxéase de xeito anual unha autoría finada, e a min dáme a sensación de que o Día das Letras Galegas é unha sorte de bautizo, de comunión ou de voda: moitas persoas dedican horas e horas a engalanalo todo e logo o día axiña pasa e tan só fican os restos da celebración.
Ao longo do confinamento eu redescubrín, por exemplo, a María Mariño, a Uxío Novoneyra, afondei na produción de Carvalho Calero, celebrei os premios da Gala do Libro Galego 2020, marabilloume a versión musical do poema «O maio», de Curros Enríquez, no vídeo que publicou o Consello da Cultura Galega, cativáronme as Illas de Sal de Xabier Díaz ou mergulleime nalgunhas pezas audiovisuais que publicou en aberto a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización.
E a partir de todo isto, concluín que cada 17 de maio, alén de lembrar a autoría escollida, debe consistir nun celebrar conxunto da vitalidade e a pluralidade da creación contemporánea en lingua galega, poliédrica, un motor constante, un regadío.
Cada unha e cada un de vós posúe convite persoal e intransferible a esta festa, e pode escoller a sala que máis lle preste. É unha rede inmensa que comeza en cada casa e que ten uns lugares de encontro que deberiamos monumentalizar: as librarías, os teatros, os cinemas.
Eu xa estou dentro, e bailo. Son a que leva unha xesta na man.
Apertas na distancia.