Marta Rodríguez Engroba
Hai moitos xeitos de matar. Desprotexer é un dos máis efectivos
A pasada semana Esplugues de Llobregat foi escenario do, ata agora, cuarto asasinato machista desde que o estado de alarma foi decretado, e cando digo ata agora non o fago por ser catastrofista nin agoireira, se non porque cada vez se fai máis firme, por desgraza, o meu convencemento de que todo ese "reforzo" que se nos vendeu, e se nos segue a vender no que atinxe as medidas de prevención e protección ás vítimas de violencia de xénero supostamente implementadas desde que comezou o estado de alarma, ten bastante máis de "atrezzo" que de realidade, convencemento, por certo, baseado no día a día que, na medida do que as circunstancias nos están a permitir, desde Si, hai saída continuamos vivindo con moitas delas.
O crime da muller de Esplugues foi, coma tantos outros, a maioría en realidade, crónica dunha morte anunciada, e non é esta unha frase feita.
O seu asasino, perdón!, presunto asasino, porque en materia de feminicidios, xa se sabe que, ainda que sexa collido coas mans na masa, o asasino sempre é "presunto", o mesmo, curiosamente, que a condición de vítima da muller maltratada ou mesmo asasinada, que, ainda morta, continúa sendo "presunta", xa contaba con antecedentes por violencia de xénero.
Hai un ano, en Gavá, xa agredira a muller, que tivo que ser trasladada ao hospital para ser asistida por mor das feridas que presentaba, polo que se abriu unha causa xudicial, máis ao desistir ela de denuncialo, foi arquivada, e a outra cousa.
Dito doutro xeito, ainda sendo conscientes do perigo que esta muller corría, non se contemplou máis opción que a de darlle carpetazo ao caso, porque este marabilloso sistema noso, que tanto nos protexe as mulleres, que tan concienciado está na loita contra a violencia machista, seica, non se apea do dous máis dous son catro que pon o libro, libro, por certo, a todas luces ineficaz e obsoleto, por máis mulleres que sexan agredidas ou asasinadas.
Que a matou? A culpa foi dela, que non quixo denunciar. En ningún caso de quen, sendo coñecedores do seu risco, decidiron ignoralo.
Ese capítulo, polo visto, non aparece en ningún dos numerosísimos libros que estudaron.
Iso si, o que non fallou, faltaría máis!, foi o minuto de silencio.
Non hai confinamento no mundo que poida impedir o postureo!. É gratis, non da traballo, e luce moito, sobre todo nas actuais circunstancias, nas que desafiando ao virus, igualmente se posa para a foto.
Tampouco as declaracións da alcaldesa de Esplugues teñen desperdicio:
"Alguna cosa falla en nuestra sociedad cuando persiste la violencia contra las mujeres por el simple hecho de ser mujeres".
Non me diga!. Como se decatou?.
Hai un momento, aludía aos libros que estudan os que teñen nas súas mans aplicar a prevención e que moi raramente o fan.
Non o fixen por casualidade, se non porque, cada vez que os que traballamos man con man coas vítimas denunciamos ou damos a voz de alarma sobre o descoñecemento das súas circunstancias reais, o que impide, obviamente, que actúen en consecuencia, sempre se nos contraataca co mesmo argumento, o da súa esmerada formación na materia.
Pois a terán, non digo eu que non, pero tan esmerada non será cando sistemáticamente ignoran o feito elemental, constatado e contrastado ata a saciedade de que o medo, a incerteza, a anulación, impiden que en moitas ocasións a muller se decida a denunciar, cos resultados que todos coñecemos.
É sinxelamente indecente, que ainda a día de hoxe, cando o número de asasinatos machistas é arrepiante, continúen escudándose no argumento, para xustificar o inxustificable, o seu desleixo, a súa complicidade co asasino, de que a vítima non quixo denunciar.
Eu non son avogada, nin xuiza, nin sequera teño estudos universitarios,nin títulos para colgar nas paredes.
Soamente son un ser humano, muller, e vítima nun momento da miña vida, e desde a miña condición, e con toda humildade, pregunto, se casos como o de Esplugues, que son o pan de cada día, non se poden cualificar de omisión de socorro, xa me dirán cal é a denominación correcta.
Di a propia lei: "De la omisión del deber de socorro: El que no socorriere a una persona que se halle desamparada y en peligro manifiesto y grave, cuando pudiere hacerlo sin riesgo propio ni de terceros, será castigado con la pena de multa de tres a doce meses".
O dí a lei, non o digo eu.
Casos como o de Esplugues non son infrecuentes, nin moito menos, e cando unha muller agredida acude a unha Comisaría ou a un Xulgado, nos que se supón é atendida e escoitada por ese persoal tan formado, e o risco que corre de ser agredida de novo ou algo peor máis que evidente, o único que atopa en numeroras ocasións é desprotección, e non soamente eso, se non que a ela se lle carga coa responsabilidade das posibles e tráxicas consecuencias da imprudencia, da indefensión a que abocan os que se supón deberían protexela.
Eu pregunto, se ven a alguén, por poñer un exemplo, subido nunha ventá, ameazando con tirarse por ela, e berrando que non llo impidan, ficarían impasibles, ou tentarían evitalo?
E, xa de posta a plantexar preguntas, unha máis: Actuarían do mesmo xeito se a muller que se nega a denunciar fora súa filla, súa irmán, súa amiga.....? Deixarían que marchara así, sen máis, e esquecerían o asunto, ou, pola contra, farían algo para protexela, por moito que ela o rexeitase?
Creo que as respostas son obvias.
É moi doado ampararse no sistema, nas leis, mesmo para vulneralas e tentar tapar a realidade, unha realidade que é evidente, custa demasiada dor, demasiadas vidas, e o seguirá a facer se non se toman medidas ao respecto, e é evidente que ninguén con atribucións ten nin o máis mínimo interés en facelo, como evidente é tamén, e desculpádeme a expresión, pero creo que ven moi a conto, que, por moito cambio que nos tenten vender, seguimos tendo, unha e outra vez, o mesmo can con diferente colar, polo cal, o afán de poder, de encher os petos, segue a ser o motor que move o noso país, e, por suposto, a comodidade do establecido que, ademais, garante a consecución dos obxectivos perseguidos.
Que isto implique seguir sacrificando vidas, é un dano colateral, qué se lle vai facer?
Hai que ter especial coidado, eso si, en maquillalo ben, en dar co discurso adoitado, deses que acenden as masas, e que dea a sensación de que se está a facer moito, malia que non se faga nada.
Como fundamental é tamén non asumir xamáis, baixo ningún concepto, que o que están a facer, ignorar o perigo, desprotexer a quen está a correr un risco certo, é, nin máis nin menos, un xeito de matar.
Asociación Si, hai saída