Javier Carballo de Jesús
Sementar sementarei, pero canto antes!
Dicía Castelao que "non enterran cadavres; enterran sementes", e así que é!
O mundo da cultura galega está revolto. As sementes das que falaba Castelao están anoxadas ante unha Xunta impertérrita que se atopou fronte unha pandemia e un confinamento dos que non sairímos sen a axuda da cultura.
A cultura. Vivimos nunha terra dunha grandísima riqueza cultural que se sementa día a día nas pequenas asociacións, nos pequenos colectivos, nas pequenas agrupacións culturais….
Unha cultura que carece de rumbo político. Política e cultura non sempre casan ben. A actual Xunta de Galicia aposta todo ao xacobeo esquecendo que son as pequenas accións as que manteñen a nosa cultura viva o resto de tempada.
O xacobeo está ben. O xacobeo é case unha institución para Galicia. Ninguén discrepa disto. Pero Galicia é máis que iso. Galicia é Rosalía, Pondal, Castelao, Celso Emilio… pero tamén a literatura de Susana Aríns, María Lado, Baldo Ramos, Inma Lopez Silva, a música de Sés, Carlos Nuñez, actrices como Mela Casal… poderían correr caudalosos rios de tinta citando a artistas actuais e contemporáneos que cas súas pequenas accións robustecen a nosa cultura.
Son as pequenas accións as que fan crecer este gran proxecto que é Galicia, mais o proxecto de Feijóo está deixando mermar a Cultura. Que podíamos esperar de quen confunde Cantares gallegos con poemas gallegos?
A pasividade da política cultural tradúcese nus datos tremebundos para o libro galego: Os galegos lemos un 3% menos que no conxunto do territorio español e das persoas lectoras en Galicia só o 3,5% afirma ler en galego. Só o 3,5%. Só o 3,5%.
A nosa lingüa atópase en situacións críticas e a aposta total ao xacobeo non aporta solucións.
Precisamos novas políticas para o sector da cultura, promover a lectura en galego, apostar forte polo libro dixital en galego, axudar as librarías e pequenos negocios culturais, as pequenas editoriais e compañías de teatro, que son moitas ás que lles costa subsistir.
As sementes das que Castelao falaba xa estamos cansas de sobrevivir co regadío da choiva. É tempo de sementar cultura, de que a administración autonómica comece a valorar o que de verdade nutre ao pais.
Javier Carballo de Jesús