Dani Antelo
Volta á normalidade
O pasado xoves outra morte, outra veciña. Tiña pouco máis de 40 anos. Ademais, familiar dunha persoa a que teño moita estima. De novo, no meu retorcido pensamento o trasgo saíu para preguntar se estes accidentes eran froito da casualidade. É difícil imaxinar como o destino pode conxurar tantas veces contra os habitantes desta vila chamada Marín, e poñer na mesma traxectoria a peóns e vehículos ata rematar na máis das fatídicas posiblidades.
Ainda estabamos na fase 2 cando chimpei da cadeira do estudo, o freazo en seco seguiulle o berrido do rapaz. Pobriño, o impacto me doeu ata a min. Mirei pola finestra e unha morea de xente corría de súpeto cara un único punto: o paso de peóns que une a marquesiña da parada do “trole” coas escadas da Alameda. Tireille unha foto e paseilla a PontevedraViva, nun cómodo e vago exercicio periodístico pola miña parte desde a sala de estar. Con todo, quedoume dentro a inquedanza de escribir e afondar sobre o tema. Sorpresa a miña, cando ó día seguinte vexo que á noticia do atropelo da Avenida de Ourense, súmaselle outro incidente acontecido na rúa Jaime Janer, esta vez os protagonistas son unha muller e un motorista.
O trasgo, que aínda garda como tesouro as vivencias que eu teño de cativo, volveu darlle á campaíña. Lembranzas que me fan sospeitar que o acontecido forma parte da nova normalidade, a de sempre nesta vila. Daquela viviamos frente a “El Jabonero”. Jaime Janer era, e continua a ser, unha das rectas máis longas do núcleo urbano, perfecta para probar as Variants retificadas e os Citroen Saxo tuneados. A rúa, que agora semella máis tranquila, daquela convertíase as veces nunha odisea da man da túa nai: “primero se mira a la izquierda y luego a la derecha, dos veces, y luego cruzas”. Desafortunadamente, nalgúns veciños o protocolo non logrou o seu obxectivo, sortear o perigo. Hoxe, os Seat Leon mudaron polos “ataúdes con rodas” e o son estridente das “serras mecánicas” polo ruxido das CBR 1100. Tamén as rúas do municipio, malamente remendadas, foron adornadas con pasos de peóns e discretos lombos. É o que ten o progreso; por aquel entón non existían.
Está claro que a nosa vila mellorou co paso do tempo na súa estética. Mais como dixen fai pouco nas redes, os problemas locais continúan a ser os memos. Por desgraza, eses problemas tradúcense en infortunios que a día de hoxe podemos evitar cunha política municipal interesada en educar e facer educar de verdade. Chegan as eleccións, o confinamento rematou e as obras municipais xa se puxeron en marcha. Poñamos en marcha tamén medidas novas e máis efectivas de seguridade vial e tomemos conciencia tamén os cidadáns. Os debuxos de Luis son xenais, mais non suficientes excelentísimo Concello, veciños e veciñas.