Tribuna Viva
Denuncia pola utilización da imaxe dos nosos maiores na propaganda electoral
Estes días están a chegar aos fogares os programas electorais dos respectivos grupos políticos. E aínda que todo é valorábel, neles debe prevalecer a ética, alén de se contemplar a oportuna lexislación en diversas materias. Pois so pretexto de estender determinadas ideas e obxectivos non se deben realizar afirmacións arbitrarias ou atentar e/ou manipular a imaxe de particulares. De feito poderíase incorrer nunha suposta vulneración de dereitos fundamentais, protexidos pola propia Constitución Española no seu artigo 18. E traio até aquí estas liñas a xeito de "denuncia" pois este luns día 6 de xullo puiden ter nas miñas mans un dos exemplares da revista Populares de Cuntis (disque da edición do mes de marzo do ano que corre). Con independencia dos contidos –nos que para nada me vou mergullar– paréceme de escándalo que se empregue a imaxe de persoas usuarias do Centro de Día de Cuntis con intencións electorais que buscan seren resoltas o vindeiro 12 deste mes. Varias son as persoas que logro identificar con claridade porén, para máis inri, a miña avoa aparece na portada cabo da conselleira de Políticas Sociais nun acto no que a representante da administración pública visita as instalacións, concretamente o 5 de febreiro de 2020. Asombroso é o feito de que a imaxe que veño de describir e que se publica no "boletín" informativo do partido popular sexa unha das que aparece na páxina web da Xunta de Galicia, quizais nesa suposta confusión de que o PP e Xunta son unha mesma cousa. Por iso, igual que debemos distinguir a persoa privada da persoa representante dunha institución, tampouco podemos confundir que esa institución sexa o mesmo ca unha organización política.
Por outra banda quero lembrar que no caso de existir unha cesión de datos cara a administración esta evidentemente é finalista, isto é: non pode cedelos a terceiros con fins particulares (e neste caso partidistas) sen salvagardar a protección de datos. Que conste que tales feitos que aquí denuncio faríaos públicos fose quen for a organización responsábel (cando menos debe prevalecer unha ética que aquí, a todas luces, non se tivo).
Perante esta situación quero formular aos responsábeis dese grupo político as seguintes preguntas: Contan coas preceptivas autorizacións –escritas e asinadas polas persoas usuarias do centro de día– para poderen empregar as súas imaxes con intencións electoralistas e políticas? Expuxéronlle as/os usuarias/os ou ás persoas responsábeis deles (durante a súa estancia no centro) a pretensión de difundir as súas imaxes nun boletín dun partido político? Consideran que foi un acerto utilizalas? Que pasaría se ti, representante dese ou doutro partido, tiveses que ver a foto da túa avoa ou da túa crianza na propaganda dunha ou doutra organización política? Alguén cun mínimo de sensibilidade sabe o que é o dereito á imaxe e ao honor? Alguén cun mínimo de prudencia consultou a Lei Orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil de dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe? Observouse a Lei da Privacidade de Datos? Alguén ten pensado pedir desculpas por empregar, con estes fins, a imaxe dos nosos maiores?
Héitor Picallo Fuentes