Celso Xavier Milleiro Sánchez
Agrarismo
A historia das clases populares sempre foi anulada pola pequena e mediana burguesía local. A protagonizada polos labregos e gandeiros de Marín é abraiante, pois o noso concello sempre foi ollado como un lugar eminentemente mariñeiro.
Hai cen anos, conviviron no termo municipal máis de media ducia de asociacións agrarias. A máis potente delas foi "A Liga de Agricultores de Marín", con sede en Soaxe, e creada en 1915. En Ardán xorde en 1920 "A Unión de Agricultores e Obreiros", no Campo a Sociedade "Rexurdimento" que nace en 1923 e cambiaría de nome a finais da República polo de "Progreso", tamén en Mogor, Pardavila, Piñeiro e Lourizán crearían cada súa sociedade labrega. A que máis perdurou foi a Unión Campesiña de San Xián, nada en 1908.
Pese a que nos últimos tempos, grazas ás investigacións realizadas, se está recuperando o pasado esquecido, aínda queda moito por procurar e analizar. O agrarismo marinense foi punteiro na súa auto-organización e mesmo en dotarse de medios para a investigación co obxectivo de mellorar a produción agrícola e gandeira.
Non tan lonxe, fican moitos nomes que fixeron do agrarismo un vehículo de mellora do noso rural: Antonio Ventura Blanco, Vidal Pazos, José Benito Trabazo, José Alonso Fervenza, Antonio Naveira, José R. Proenza, entre outros.