Marta Rodríguez Engroba
Maltratador e "vip": un seguro de impunidade para el e un inferno sen saída para a vítima
Remato a semana totalmente exhausta, física e emocionalmente.
Un vello amigo, que, desde hai tempo, soamente me facía algunha visita ocasional, regresou, e con sinais evidentes de ficar por bastante tempo: O insomnio.
Un insomnio que non tornou así, sen máis e sen ningunha razón.
Todo o contrario. As razóns do seu regreso as teño moi claras e están, por desgraza, máis que xustificadas: A impotencia, a indignación o sentimento de que no que atinxe a violencia de xénero é inútil seguir loitando, porque moitos dos que moven os fíos non teñen ningún interés en que esta loita dea os seus froitos, en que se visibilice, porque facelo sacaría a luz máis dunha historia que se agochou ben agochada e que non pode, baixo ningún concepto, chegar a saberse.
Estou a referirme a certos casos de violencia machista nos que o maltratador non é unha persoa anónima, ben pola súa profesión, polo seu círculo familiar ou social, por estar vinculado a algunha institución ou mesmo por desempeñar algún cargo importante dentro dalgunha delas.
En resumo, por pertencer ao selecto grupo dos VIPS.
Cada vez son máis as mulleres que, atopándose nesta situación, acuden a Si, hai saída pedindo axuda, todas desesperadas, con medo. Algunhas totalmente aterrorizadas.
Si, hai saída acadou unha certa fama de que non nos tembla o pulso a hora de enfrontarnos a un caso destas características, fama, todo hai que dicilo, xustificada.
Para nós, un maltratador é sinxelamente eso, un maltratador, e para nada nos importa o seu apelido, o seu cargo, nin a súa posición social ou económica.
Eso non nos vai frear a hora de facer todo o posible para tentar axudar a súa vítima, algo no que tamén ten moito que ver, ademais, por suposto, dos nosos principios, o feito de que nada tememos perder.
Non gozamos de ningún tipo de prebenda, e, desde o primeiro día, decidimos que ben pagaba a pena non recibir nada a cambio da nosa independencia, o que non é sinónimo, por suposto, de que sinalar a algún deses VIPS non nos pase factura.
Claro que a pasa, e ben elevada ademais, pero temos as ideas moi claras e a ningunha muller se lle vai negar a axuda por ser vítima de alguén "de ben".
Outra cousa é, evidentemente, os resultados que finalmente poidamos acadar, porque se é complicado dar solución a calquera caso de violencia de xénero, nos casos como os que estou a describir non hai xeito de evitar estrelarse unha e outra vez contra sucesivos muros, moitos deles infranqueables, porque o corporativismo, a conivencia de todos aqueles que participan nun toma e daca de favores, fan prácticamente imposible que o proceso prospere e se apliquen ademais das penas que procederían aos maltratadores, as pertinentes medidas de axuda e de protección as vítimas, unhas medidas que xa se poden considerar algo máis que mellorables, pero que nestas circunstancias poden chegar a ser inexistentes, porque, sinxelamente, non hai caso. A negación, a ocultación, chega a ser total e absoluta.
E isto me leva de novo a razón do meu insomnio.
Son varios os casos destas características que agora mesmo temos en Si, hai saída e, lamentablemente, se hai unha palabra que poida definir como se van desenvolvendo, sería, sen ningunha dúbida, desesperación.
Negación do delito por parte daqueles aos que se lles da conta del, quebrantamentos de ordes de afastamento que se ignoran por máis que se denuncien, dispositivos electrónicos que saltan e ninguén acude en auxilio da vítima nin a comprobar que estea ben, e presións máis ou menos subliminais as vítimas para que desistan de continuar adiante, son a nota común en todos eles.
Como común é tamén que estas mulleres sexan, non xa cuestionadas, como desgraciadamente pasa a miudo, se non directamente culpabilizadas, sobre todo naqueles casos nos que o agresor goza, polo menos aparentemente, dunha desafogada economía, e nos que se da por sentada a veracidade desa acusación tan recurrente de "o que ela quere e quedarse con todo e deixalo a el sen nada", e cando digo o de polo menos aparentemente o fago con fundamento, porque non é o primeiro caso no que él, o maltratador, cunha posición social relevante, e levando un tren de vida propio de quen ten os petos ben cheos, o fai da costa desa muller a que están facendo vivir un inferno.
Todas estas situacións e mesmo algunhas moito máis graves as estamos a vivir de xeito especial en Si, hai saída nos últimos tempos, e, malia que en seis anos de rodaxe levamos vivido moitas experiencias, non somos quen de asumir como as veces, producíndose o delito diante dos nosos propios ollos, e dando, obviamente, conta del, se levanta un muro de silencio, e os que deberían protexer a vítima, constrúen todo un cerco defensivo, impenetrable, arredor do agresor, que sae unha e outra vez impune, e con patente de corso para seguir maltratando, a mesma parella ou as sucesivas, porque o que maltrata nunca o fai unha soa vez.
Por eso son moitas as noites que levo sen poder durmir.
Por eso esas bágoas tan pouco frecuentes en min asoman estes días unha e outra vez.
O están a facer de novo mentras escribo estas liñas.
Bágoas de carraxe, de impotencia, de dor, porque dor é o que sinto moitas veces cando abro un xornal e vexo a foto dalgún "irreprochable señor" do que nos contan as virtudes e mesmo nos poñen como exemplo, pero que, de portas adentro, maltrata, humilla, fire, pero se lle protexe....Non se pode saber!.
Porque dor é o que sinto cando alguén que ten a obriga de protexer a estas mulleres, de velar polas súas vidas, en canto se dan a volta, alertan ao seu verdugo, que é rápidamente arroupado e blindado.
Porque dor é o que sinto cando a estas mulleres totalmente destrozadas non soamente se lles nega a axuda, se non que se lles tenta arrebatar toda credibilidade.
Tampouco os que tentamos axudalas corremos mellor sorte.
Hai que quitarnos do medio. Non se poden correr riscos, e é un perigo ter polo medio a un colectivo tan molesto, que deixa demasiadas cousas en evidencia.
As campañas de descrédito, os intentos de pecharnos todas as portas, son o noso día a día, cando non algo máis grave, como atoparte un bó día cunha denuncia a que curiosamente se se lle da toda a credibilidade do mundo sen dubidalo nin por un segundo, ou finxindo non dubidalo, porque é o que procede tratándose de quen se trata.
Esta que acabo de describir, ou mesmo peor, é a realidade, ou mellor dito, o pesadelo que supón que o maltratador sexa un VIP, principalmente, por suposto, para a vítima, pero tamén, sen ningunha dúbida, para quen a axuda.
Sei que os atrancos para Si, hai saída van a ser máis e maiores, que son moitas as noites sen durmir que me agardan, e moitas tamén as bágoas que me quedan por botar, pero se de algo estamos seguros é de que seguiremos loitando, con máis forza cada día, mesmo contra os maltratadores VIPS, e contra quen os protexe.
Todas vos o merecedes, e non vos fallaremos.
Asociación Si, hai saída