Marta Rodríguez Engroba
Obriga das vítimas de violencia de xénero a declarar. Unha pedra máis na súa xa demasiado cargada mochila da dor
O Tribunal Supremo ven de cambiar a xurisprudencia de maneira que as vítimas de violencia de xénero se van ver privadas, desde agora, do seu dereito a non declarar no Xulgado, despois de ter denunciado ao seu agresor.
Din que é para evitar que a muller sufra coaccións por parte da súa parella ou ex parella, unha vez que denunciou.
Noraboa, Señorías, polo gran coñecemento das vítimas que amosan e moitísimas grazas por tan brillante medida! (Modo ironía "on").
Se xa era complicado conseguir que as mulleres vítimas de violencia de xénero, ou polo menos unha gran maioría delas, se decidiran a denunciar, a partir de agora, nalgúns casos, será, sinxelamente, imposible.
Din Vds., que se supón saben moito disto, que con esta medida tentan evitar as coaccións do agresor.
Imos por partes.
En primeiro lugar, xa puxeron Vds. o primeiro chanzo para que se sintan coaccionadas, ademais de descargar nelas unha responsabilidade que non lles corresponde, e que se engade a tremenda mochila emocional e mesmo física que implica ser unha muller maltratada.
Eso para comezar.
En segundo lugar, realmente cren Vds. que unha medida, que, obviamente, é unha liberación para o sistema, xa que lle traslada o peso a propia vítima, vai poder evitar as coaccións, as ameazas, dos agresores?.
Non se lles permite non declarar, moi ben, e, pregunto, na miña ignorancia, que lles impide desdicirse do declarado na denuncia, alegar que foi un malentendido, que se atopaba moi alterada, que realmente non existiron malos tratos, ou, no caso de existir lesións visibles, que foron fortuitas, tal vez no medio da discusión, pero porque tropezou, froito dos nervios, ou se golpeou contra algo, por exemplo?.
Como van evitar eso, Señorías? Porque unha muller presa do pánico, ameazada, vai tentar negar a violencia ata o último extremo con tal de aferrarse a calquera posibilidade, por pequena que sexa, de salvar a súa vida, e quen sabe se tamén as dos seus fillos.
Teñen Vds. unha lixeira idea de cómo se chega a sentir unha muller no espazo de tempo que transcurre desde que pon a denuncia ata que é chamada do Xulgado, sobre todo se, como sucede tantas veces, o seu agresor está libre, as cousas, os temores, que se lle poden pasar pola cabeza?.
Coñecen Vds. malia que sexa de lonxe, o concepto "dependencia emocional" do agresor que a vítima pode chegar a adquirir?.
Ou, imaxinan como se sinten cando ese mesmo agresor, que ameaza a súa vida cada día, é a súa única fonte de ingresos para sobrevivir, tal vez para que seus fillos poidan comer?.
Supoño que todo isto non é algo que Vds. se paren a considerar, porque isto no é unha materia que se estude nas Universidades, nin se chega a aprender por máis títulos ou masters que se acumulen, porque isto é de primeiro de sentido común e de humanidade, e, sobre todo, son nocións básicas da realidade da violencia de xénero, das súas vítimas, pero claro, para eso, hai que soltar o manual de cando en vez e sair dos despachos, falar coas vítimas, cos que vivimos con elas o seu día a día, cheo de medo e de frustración. E isto é algo que, nin se fai, nin, polo visto, se contempla facer.
Alguén lles contou que, en demasiadas ocasións, cando van denunciar, na propia comisaría son cuestionadas, poñen en dúbida a súa historia e lles din que dificilmente vai ter percorrido?.
Pois isto pasa, Señorías, pero claro, isto non se conta. Os autores por razóns obvias, e as afectadas porque xa non teñen forzas.
Cren Vds. que estas mulleres poden chegar ao Xulgado coa forza precisa para declarar contra o seu agresor?.Vds. a terían?.
Busquen no manual, que igual atopan a resposta.
Afirman Vds., e cito textualmente: "Cando a vítima decide denunciar ao seu agresor, e recordemos que non ten a obriga de facelo, é porque xa non hai espazo para que se produzca unha colisión entre o deber de declarar e as consecuencias dos vínculos familiares e de solidaridade que unen a testemuña co acusado".
Se tivera algunha dúbida sobre o seu descoñecemento do factor humano, de como se sinten estas mulleres (que non é o caso, teño que recoñecelo), non me quedaría, despois de ler tal argumento, nin a máis mínima pegada dela.
De que están a falar, de seres humanos, de mulleres totalmente destruidas polo medo, sen autoestima, con moi poucos ou ningún apoio, ou de autómatas que se programan a vontade?.
Coñecen Vds. o significado da palabra "sentementos"?.
É evidente que non son quen de entender que unha muller que seguramente leve sufrido un longo proceso de agresións, de humillacións, un día, ante un novo ataque, tal vez máis violento que os anteriores, diga "ata aquí", e decida denunciar, pero que, unha vez feito, ademais da incerteza do que vai pasar desde ese momento, de qué vai ser da súa vida, da dos seus fillos, os sentementos, o amor que sinte ou cre sentir, porque ese sería outro debate, polo seu maltratador, dea marcha atrás.
Din Vds. que unha das principais razóns para implantar esta medida e contribuir a protección da vítima.
Se non fora porque isto non ten ningunha graza, porque falamos de vidas, saltaríanseme as bágoas da risa.
Señorías, eu non son quen para dar consellos, e menos ainda a persoas cunha esmerada formación como a súa, pero permítanme que si lles faga unha suxestión:
Se realmente queren contribuir a protección da vítima, cumpran coa súa obriga, e, cando vexan indicios reais de que unha muller esta a ser vítima de violencia de xénero, por moito que ela diga o contrario, continúen adiante co proceso e non a abandoen a súa sorte.
Trasladarlles a elas este novo peso, esta inxusta responsabilidade, é, ademais de ineficaz, cruel, moi cruel.
Asociación Si, hai saída