Javier Carballo de Jesús
Funcionarios e secretarias, voltamos comezar?
Hai uns días lendo unha reportaxe nun xornal de tirada nacional que se di progresista, observaba a seguinte expresión: "los altos funcionarios y las secretarias se marcharon a su casa".
Os funcionarios e as secretarias!
Vaia por diante os meus grandes respectos ás funcións de secretariado en todas as administracións públicas e privadas, máis unha vez máis cáese no gran erro de feminizar un oficio a fin de evidenciar que as mulleres (neste caso as secretarias) realizan un oficio inferior ao que realizan os homes (neste caso altos funcionarios ). Dirán que son un esaxerado por fixarme nestas cuestións. Dirán que é unha cuestión sen importancia, que non ten esa intencionalidade. Dirán que o falar de secretariAs fronte a altos funcionarios non é poñer barreiras ás nenas que aspiran a ter un posto de responsabilidade nunha empresa, nunha administración pública. Dirán que só son verbas, minucias…
Pois pode que sexa esaxerado, pero eu creo na gran importancia da linguaxe e do seu uso correcto, da inclusión na lingua da perspectiva de xénero. Estou farto de académicos ríxidos que nos seus escritos só falan de señoros e para señoros, de debates arcaicos e de diccionarios que creen que o xénero neutro é o masculino.
Teño un profundo respecto pola miña lingüa e creo profundamente no poder das palabras. Creo tanto no seu poder que de verdade creo que o feito de falar de funcionarios e secretarias, de médicOs e enfermeirAs, de xuices, de notariOs, presidentes, outorgando o poder supremo ao xénero masculino, supón unha maiúscula barreira cultural para quebrar ese famoso teito de cristal do que todo o mundo fala pero ninguén ten a suficiente valentía de apedrar.
Criticar a quen dí "miembras" ou "portavozas" coma un acto de protesta ou mesmo como unha forma de visibilizar a necesidade de adaptación da lingua aos tempos nos que vivimos é lícito (para min son críticas que carecen de "sentidiño"), pero a dureza destas críticas cheira á mesma naftalina que quén afirma que o 8M foi o culpable da expansión do virus ou mesmo que quen di que as cotas de xénero non son necesarias e que a Constitución Española (esa carta magna de TODOS os españois) non debe ser adaptada para que seña de TODOS e TODAS.
O poder da linguaxe reside no pobo, na súa transmisión. Se as institucións non son quén de modernizarse, aquí estamos NÓS unha vez máis para nos revelar e falar tamén de FUNCIONARIAS, MÉDICAS, XUIZAS, NOTARIAS… é mais necesario que nunca. Os tempos cambiaron pero parece que xogamos ao día da marmota e cada día hai que voltar a comezar.
Javier Carballo de Jesús