Manuel Pérez Lourido
Agromando, que é xerundio
A palabra de moda máis temida é "gromo", e ven de agromar na TVG e instalarse nas nosas vidas dun día para outro. As noticias que chegan avisan de que a Covid-19 non se vai render tan axiña, de que vai morrer matando, por facer un pouco de humor negro. Todo coa nosa colaboración, sen dúbida, porque foi con ela (aínda que involuntaria) que arrancou a súa viaxe polo mundo adiante. Claro que tamén podemos botarlle unha man se nos poñemos a pintar a mona. Os gobernos de todo o mundo están a pintar un pouco a mona por culpa da economía e por culpa das gañas que teñen de seguir gobernando: calquera epidemiólogo de Todo a 100 é capaz de aconsellar o peche de fronteiras para asegurar os bos resultados na loita contra a pandemia, acadados despois dun singular esforzo por parte da cidadanía. Ah, pero a cidadanía ten que comer todos os días e para iso o sistema económico que temos montado non se pode poñer en stand-by durante moito tempo, porque axiña se lle enfouzan os motores, se lle enferruxa a chapa, se lle saltan os tornillos e as labazadas van caer nas facianas dos de sempre.
Os países que teñen no turismo unha porcentaxe moi importante do PIB non o teñen fácil á hora de tomar decisións categóricas como o peche de fronteiras ou outras equivalentes coma a de poñer en corentena aos visitantes.
E digo máis, cambiando de asunto pero non de tema: o maior aliado do coronavirus están a ser a festa e a farra. Parecen o mesmo pero non: a primeira leva á segunda. A festa e a farra nos poñen nun estado de ánimo que é o menos apropiado para observar medidas de protección. Ti non podes tolear un venres pola noite (no verán hai meses que teñen 30 venres pola noite), acabar caneco perdido e despois saír a rúa tapado cunha máscara. Foi mediante o sacrificio e o esforzo persoais que conseguimos frear as cifras de contaxio, como afloxemos na profilaxis imos levar un pau coma un mundo (que fermosa expresión).
Outra das ideas que se está extendendo é a de aturar os gromos que se den aillando as poboacións das zonas onde se den. Isto ten un aquel de xustiza: quen tal fixo (ou non fixo) que tal pague. Ocurre que ás veces ves cousas, e non sempre moi lonxe, que che traen a mente esa marabillosa frase: "ándachas pedindo o corpo". Hai nada xuntáronse en Madrid un fato de voluntarios reclamando liberdade para contaxiarse (ou algo polo estilo).
Se por pedilo é, xa nos podemos poñer a pensar nunha segunda vaga antes do outono. Poucas cousas máis odiosas que estar vendo un episodio dunha serie e atopar cando chegas ao final o letreiro que pon "Continuará" porque é deses episodios dobles (ou triples).
E temos á volta da esquina a volta ás aulas. As mesmas aulas que se pecharon e cos mesmos nenos que se mandaron para casa hai nada. E outra vez cuestións económicas marcan esta marabillosa aposta por retomar o asunto onde quedou. Que non pase nada.