Juan Manuel Rey
Diciamos onte...
Diciamos onte…
Así empezaba a primeira clase de Fray Luis de León na Universidade de Salamanca, despois dunha longa ausencia das aulas. Nós, o grupo de goberno, tamén "diciamos onte" que a reubicación do GES de Valga era un regalo envelenado.
O tempo dá e quita razóns. E seguramente de haber aceptado a "reubicación" do GES de Valga hoxe estaríamos nun lío maiúsculo, que eu creo que era a intención do Partido Popular, sempre máis pendentes do seu partido ca do seu pobo. Nós pedíamos que na concesión se retirase, da acta, a palabra "reubicación", pero nin así. Por iso digo que a Xunta de Galicia e o PP local o que querían era resolver un problema laboral do concello de Valga (PP) a costa de todos os caldenses.
Quero tamén lembrarlle á alcaldesa de Moraña -que cualificou no seu momento os meus argumentos para non aceptar o GES nas condición pretendidas de "razones peregrinas" e quixo deixar ver un "manexo partidista e electoralista" do asunto- que ao xuíz que ditou a sentenza esas mesmas razóns tan peregrinas non lle pareceron.
Tamén quero deixar evidencia da falta de coherencia do vicepresidente Rueda, que lamentou que Caldas "perdera tanto tempo" co asunto do GES cando apenas levabamos unhas semanas neste proceso. Pola contra, non hai nin un só reproche á colega morañesa a pesar da total inacción que mostra despois de varios meses. ¿Por que será? Case seguro que iso non ten nada que ver co partidismo.