Tribuna Viva
As direccións de residencias sociais demandan un mando único para a acción coordinada contra a Covid
A Asociación de Directores de Residencias Sociais de Galicia (DiReS), que agrupa a preto de medio cento de profesionais das catro provincias, diante das últimas incidencias por contaxios masivos en centros da provincia de Lugo, manifesta que non está de acordo coas intervencións de última hora dos centros por parte das administración.
DiReS quere apoiar aos profesionais destes centros, entregados desde o comezo da crise a tratar de evitar situacións como as que agora lles toca vivir e que, nos consta, deron o mellor de si mesmos para garantir a saúde e o benestar dos seus usuarios.
Neste senso, DiReS chama á administración, e ofrece a súa colaboración, para artellar mecanismos de colaboración entre os centros e a administración que eviten que se chegue a estas situacións, mediante una análise conxunta das dificultades provocadas pola presente pandemia, e sentando as bases dunha efectiva coordinación socio-sanitaria igual para toda a Comunidade.
No marco desta colaboración, a administración debe supervisar e apoiar o desenvolvemento dos Plans de Continxencia dos centros, así como axudar a garantir a continuidade das plantillas, moi mermadas pola necesidade de períodos de illamento daqueles traballadores contaxiados ou en contacto con positivos. A Asociación entende, asimismo, que debería crearse algún tipo de órgano consultivo que poda dar resposta eficaz a moitas das dúbidas expostas de maneira continua polas direcciónsdos centros, e que actualmente poucas veces teñen resposta. Este órgano ou MANDO ÚNICO, xa demandado desde o me de marzo por outras entidades, garantiría unha resposta única e homoxénea en todo o territorio galego.
A Asociación considera que, neste marco, a administración debe reconsiderar a posta en marcha de novo de centros intermedios que permitan retirar os casos positivos que non precisen atención hospitalaria, dado que xa se ten demostrado que é unha medida eficaz na contención dos gromos toda vez que os centros non están deseñados para o illamento eficaz dos casos positivos. Esta é una necesidade percibida por todo o sector, así como polas sociedades científicas do ámbito da xeriatría e a xerontoloxía, como reiteradamente se ven expoñendo desde o comezo da crise.
A Asociación ven de demandar unha Reunión coas Consellerías de Política Social e de Sanidade para dar traslado das demandas e necesidades dos Centros Residenciais e para poñerse á súa disposición na loita contra a pandemia.
Victor González Meizoso, presidente da Asociación de Directores de Residencias Sociais de Galicia (DiReS)