Tribuna Viva
Comunicado da ANPA A Salgueira (IES Vilalonga)
O pasado 16 de setembro, día no que tiña que ter dado comezo as clases na educación secundaria, dende ANPA A Salgueira fixemos unha reunión informativa de carácter urxente para informar aos pais e nais da situación na que se atopa o noso instituto para afrontar o curso 2020/2021.
Ata esta data non puidemos dar ningún tipo de comunicado pois a pesar de estar en continuo contacto coa dirección do centro e de ter celebrado dous consellos escolares, non dispoñíamos nin nós nin o centro ningún tipo de información oficial por parte da consellaría.
Dende a dirección do centro se nos foi explicando en todo momento todas as eivas e o grandísimo traballo que foron facendo e están a facer para dar resposta a todas as demandas protocolarias da Consellaría, para que logo todas estas respostas quedasen en nada e ter que de novo volver a empezar.
Dende aquí queremos expresar todo o noso apoio, respecto, comprensión e agradecemento con todo o equipo directivo do IES Vilalonga e especialmente ao seu director Rafa.
Este vindeiro curso, temos máis volume de alumnado dende hai moitos anos, chegando a ter tres liñas en todos os cursos da ESO e 4 liñas nos dous cursos de Bacharelato, a parte de Ciclos Formativos medios e superiores, FP básica, adultos...etc.
Nos consellos escolares, a maioría da comunidade educativa do IES Vilalonga acordamos na aposta firme pola educación presencial dos nosos fillos e fillas, pois consideramos que é a única forma posible de ter unha educación de calidade, polo que esa vai ser a única postura que imos defender dende esta asociación. Para levar a cabo a educación completamente presencial en todos os cursos respectando sempre e de maneira escrupulosa todas as distancias de seguridade e medidas sanitarias normativas en todos os cursos e tras moito esforzo organizativo, o equipo directivo solicitou o mínimo indispensable: a incorporación de 2 profesores, algo que tendo en conta o aumento de alumnado e a situación especial de Pandemia que estamos a vivir nos parece totalmente razoable e asumible por parte da Consellaría. Hai que ter tamén en conta que as ratios no noso centro na ESO van ser de entre 22 e 24 alumnos, pero en Bacharelato subimos as ratios ata 33 alumnos.
A día de onte, 16 de setembro, no que tiña que ser o inicio do curso se nos comunica á comunidade educativa do IES que tan só mandarán 1 profesor deixando así ao equipo directivo e ao nosos centro nunha situación extrema para poder exercer unha educación de calidade nun tempo tan complicado como o que estamos a vivir, repercutindo no futuro dos nosos fillos e fillas.
Outro dos problemas co que nos atopamos, é que a pesar que de hai 6 meses que sabían que había que preparar de maneira responsable o inicio escolar, nos comunican a imposibilidade de utilizar o pavillón para a realización de Educación Física por non facilitar a limpeza necesaria diaria para o seu uso.
A limpeza e desinfección en secundaria correspóndelle á Xunta, mais o pavillón e municipal, polo que ningunha das dúas administracións se quere facer cargo da limpeza, impedindo así que os case 700 alumnos e alumnas do IES Vilalonga poida facer uso del e realizar a clase de Educación Física como se leva realizando dende hai moitísimos anos. Xa hai máis de 10 días que a presidenta da ANPA, Sandra Fernández Agraso, falou co alcalde Telmo Martín e posteriormente coa Concelleira de Educación, Paz Lago, manifestando estes que a competencia non é municipal e que debe facerse cargo a Consellaría.
Dende a ANPA A Salgueira e manifestado polos pais e nais que onte acudiron á reunión esiximos solución a este tema de maneira urxente, outros concellos están colaborando con máscaras, desinfeccións, poñendo a disposición inmobles municipais asumindo competencias que non son deles cooperando e participando en paliar os problemas xerados por esta Pandemia e así contribuír a que o impacto de este virus na formación do alumnado sexa o menor posible e poder impartir unha educación de calidade. Nunha situación tan extrema danos igual que administración se faga cargo de algo tan nimio como unhas horas de limpeza diarias para que todo un centro de case 700 alumnos se poida beneficiar, moito máis tendo en conta o aforro que supuxo este ano a non realización de festas e eventos municipais.
Ante todo isto, o máis importante para esta ANPA e para os seus socios e socias é a educación dos nosos fillos e fillas, polo que comezaremos movementos de protesta ata que estas dúas cuestións, a incorporación de este segundo profesor indispensable para o noso centro e a limpeza e uso do pavillón, sexan emendadas de inmediato, polo que vos pedimos o apoio a toda a comunidade educativa para acudir o acto de protesta que terá lugar mañá venres ás 10:00 horas no aparcadoiro do edifico de Bacharelato (arriba) cara conseguir o que solicitamos que non é mais que un ensino de calidade para os nosos fillos e fillas.
Comunicado da ANPA A Salgueira (IES Vilalonga)