Xacobe Rodríguez
Irresponsabilidade da Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra: Dúas aulas máis confinadas
Dende a Cig-Ensino denunciamos a gran irresponsabilidade do Xefe Territorial da Consellería de Educación de Pontevedra.
Os casos de nenos e nenas positivos no Concello de Pontevedra seguen en aumento. As familias reciben comunicación para ir a recoller ás crianzas, ante os posibles casos.
A Xefatura Territorial ordena que as crianzas e os grupos marchen para os seus domicilios, mentres que o profesorado dos mesmos é obrigado a permanecer no centro.
O caso do colexio de Barcelos, que este curso está a sufrir as agresións por parte da Xefatura Territorial de Pontevedra. Primeiro, porque lle suprimen unha aula de infantil, nun momento crítico, cando máis se precisa un número menor de alumnado por aula. E por outro, o caso de hoxe mesmo, cando xurde a necesidade por sospeitas de casos positivos, en dúas aulas de ese centro, que obriga a marchar ao alumnado das mesmas para o seu domicilio, pero non así ao seu profesorado.
Ao parecer esta mañá, un técnico de sanidade púxose en contacto co centro para indicarlles que, dada a situación, o alumnado destas dúas aulas e os docentes das mesmas debían ir para os seus domicilios. Pero despois, o Xefe Territorial de Educación e unha persoa con cargo político de sanidade indicaron que o alumnado si tería que marchar, para o seu domicilio, non así os docentes; contradicindo o indicado nun primeiro momento por un técnico sanitario.
Isto significa que, os titores deses grupos, que son contacto estreito cos mesmos, poden seguir en contacto co resto do centro, e polo tanto, seguir contaxiando, ao non ser aillados ao igual que o seu alumnado.
O tempo danos a razón. Dende a Cig-ensino denunciamos que co protocolo da Xunta non se respectan as máis minimas medidas de seguridade. Levamos unha semana de clase e xa son moitas as aulas que están, en corentena, na casa, e incluso un colexio pechado.
A consellería ten que rectificar e poñer máis medios e recursos no ensino, se quere que o ensino sexa presencial, como queremos toda a comunidade educativa. Pero tamén queremos que sexa seguro, tanto para o alumnado como para o profesorado.
Pontevedra está nunha situación de alto risco de contaxio, polo que o Xefe Territorial debe actuar en consecuencia e protexer aos traballadores, illando os docentes, igual que ao alumnado.