Tribuna Viva
A Plataforma de Lourizán recórdalle a Ethel Vázquez que as eleccións xa pasaron
Desde a Plataforma Veciñal de Lourizán Non Á Ampliación queremos solicitarlle publicamente á conselleira Ethel Vázquez e á alcaldesa de Marín, María Ramallo, que non fagan propaganda política baseada en mentiras, sobre todo agora que xa pasaron as eleccións.
É certo que coa obra do novo colector e da estación de bombeo, a Xunta pode afirmar que se están a facer inversións no saneamento da Ría de Pontevedra e que son inversións millonarias. E poden facerlle publicidade para que esta idea lle chegue á UE e á cidadanía. Pero hai que recalcar que, malia ao seu elevado coste, non se trata dunha boa inversión desde o punto de vista medioambiental, porque non atalla ningún dos principais problemas da rede actual.
O proxecto que se acaba de executar foi denunciado polo BNG de Marín e por Ana Miranda ante a UE en 2015 porque o colector non separaba as augas pluviais e porque se pretendía construír un tanque de tormentas que, ao saturarse, supoñía que se ían verter augas residuais directamente ao mar, aumentando a contaminación da ría. A Xunta de Galicia non só non tivo en conta esta denuncia senón que finalmente executou un proxecto moito peor, ao descartar as actuacións na Rúa Lameira e na Rúa do Forte, contempladas no proxecto inicial. Estes son dous dos puntos máis críticos do saneamento de Marín, o primeiro pola entrada de augas pluviais na rede ao discurrir esta polo cauce do río, e o segundo pola entrada da auga de mar na estación de bombeo. E o único que se mantivo foi o colector, que consiste nun gran tubo que non separa as pluviais e para o que tiveron que levantar media cidade, e a estación de bombeo, que cando se sature descargará as augas residuais sen tratar directamente na ría. É dicir, que eliminaron a parte do proxecto que supoñía unha mellora do saneamento, solucionando problemas graves, e levaron a cabo unha actuación que dificulta un funcionamento axeitado da EDAR dos Praceres. Iso sí, xa adiantan que a estación de bombeo poderá ser ampliada no futuro.
En conclusión, que a Xunta non pretende solucionar os problemas das augas pluviais e da auga de mar que entran na rede en diversos puntos de Marín. E tampouco ten intención de solucionar o problema da auga das industrias alimentarias do Porto de Marín. Problemas estes que, según os técnicos expertos, son os principais causantes de que a EDAR funcione mal.
A solución pola que opta a Xunta é fácil: poñer tubos máis grandes, facer tanques de tormenta máis grandes e facer a EDAR máis grande, para que os días máis problemáticos, cando chova moito e a EDAR deixe de funcionar correctamente, precisamente por non separar as augas pluviais, se poida esperar a que deixe de chover sen ter que verter as augas sen depurar directamente á ría, por saturación da EDAR. É o modelo Ethel Vázquez.
PLATAFORMA VECIÑAL DE LOURIZÁN NON Á AMPLIACIÓN