José Antonio García Lores "Cáceres"
O corte da Avenida da Raíña Vitoria
En relación co corte da Avenida Raiña Vitoria, despois de 20 anos convivindo coas atraccións de feira asomando a fiestra, e cos cortes da mesma durante as festas da Peregrina, mesmo algúns anos durante a Feira Franca, non serei eu quen de racharme as vestiduras e protestar pola trapallada orquestrada polos responsables municipais, para argumentar dito corte da rúa.
Resulta fascinante,que o BNG, implante o peche permanente e indefinido da Avenida, baixo o pretexto de que como consecuencia do COVID, "esta medida poida axudar moitísimo nas entradas, saídas e recreos a que se cumpran as distancias e os protocolos sexan máis áxiles e adoptar pola experiencia que nos dan as Festas", dixo o concelleiro César Mosquera.
Unha vez máis a egolatría pretende impoñer a teoría da posesión de veracidade e do pensamento único.
Precisamente pola experiencia que puideran extraer dás Festas de Verán, podemos suliñar, que por experiencia, ensaios, estudos ou probas realizadas, ningunha, nin a primeira. Ningunha porque nesas datas do verán non hai clases, nin alumnos cos cales facer un experimento, nin con gaseosa nin sen ela.
Quen vivimos alí podemos dar fe de que, agás determinados días das festas de verán, pola noite, en pleno bulicio festeiro, o resto do ano as beirarrúas de Raiña Vitoria, teñen capacidade sobrada para o tránsito de persoas que soporta ou que pasan por ela o longo do día, xa non computo fins de semana, festivos ou meses en que non hai actividade escolar, como para tomar unha medida de peche permanente, como dixo o mencionado Mosquera.
O pretexto, ou coartada utilizada de que "é para ampliar a distancia social, e como zona de esparcemento dos alumnos de secundaria do Sánchez Cantón nos recreos". Dicir isto, tendo xusto ao lado a fermosa e coñecida Alameda de Pontevedra, resulta cando menos un insulto á intelixencia dos cidadáns. É como poñerlle lentes a unha persoa cega.
Claro que, entón, este criterio debería terse en conta tamén para outros centros educativos, e non só para os alumnos, senon tamén para as nais e país que levan os seus fillos aos centros de educación infantil, e para os viandantes, que teñen o mesmo dereito, e aos que debería facilitárselles igualmente cumprir co distanzamento social.
Polo mesmo principio, deberían facer o mesmo nos colexios Froebel e Doroteas, cortando as rúas Xeral Martitegui e Alfonso XIII que unidas a Praza de Concepción Areal, farían unha ampla zona para evitar aglomeracións. De igual xeito nos colexios Álvarez Limeses e Calasancio, cortando as rúas Joaquín Costa e Branco Porto, ou no IES Frei Sarmiento cortando a Avenida de Vigo, creando así zonas ou espazos de "diseminación ou difusión libres de Covid-19".
Despois, os alumnos, poden seguir ateigados toda a mañá ou tarde dentro de aulas saturadas, incumprindo as ratios, uns a cabalo doutros que non pasa nada. Iso non é cousa nin responsabilidade do Concello.
Non sería máis doado educar os rapaces na importancia de manter a distancia social, que se saltan cada dous por tres, mesmo cando acuden o instituto en cuadrilla?, imaxinan vostedes os alumnos durante o inverno a intemperie, con frio, chuvia e vento xogando o brilé nos tramos cortados o tráfico?
Voltando a Raiña Vitoria, mágoa que unha das rúas máis amplas dá cidade, hoxe non conte cun carril bici, nin mobiliario para deixalas, nin con carril-bus, xa que hai espazo sobrado, eliminando aparcamento. Pero se trata de entorpecer todo aquelo que poida favorecer a mobilidade do transporte público, porque "Pontevedra pódese cruzar andando"… mentres poidas.
Alomenos, van rematar o xiro en curva, rompendo aquel criterio de rematar as beirarrúas en ángulo.
Eu non me queixo, estou encantado de que me eliminen circulación de vehículos e os gases que entran pola fiestra, pero xa postos, agora que deixen un so carril ata a Audiencia, que amplien máis as beirarrúas para que por mor do virus, a hostalería poida poñer máis terrazas dado que non poden servir nas barras, ou que nos fagan unha praza de esparcemento anti virus, con cadeiras e bancadas individuais e ben separadas.
En fín, a capacidade e o exceso de iluminación, chega a ser molesta os ollos dúas cidadáns, e algúns afogan na súa obsesión, agochando en ocurrencias a súa propia incapacidade.
José Antonio García Lores
Ex concelleiro
Ex Secreatrio Xeral do PSdeG-PSOE de Pontevedra