Luis Bará
Ensino semipresencial en segundo de Bacharelato: non hai dereito!
Na sucesión de bandazos e improvisacións en que se converteu o comezo do curso escolar, a Consellaría de Educación vén de poñer en marcha unha medida que é un atropelo, unha inxustiza e unha ilegalidade: o ensino semipresencial e a redución de xornada en aproximadamente o 50% do horario lectivo en bacharelato, formación profesional e ensinanzas de rexime especial.
A decisión é especialmente prexudicial no caso de segundo de bacharelato, xa que o alumado ten que enfrontarse logo da fin do curso á proba da ABAU, a antiga selectividade, que é absolutamente determinante para o seu futuro.
Estamos diante dun atropelo e dunha inxustiza posto que esta medida só se aplica en aproximadamente o 10% dos institutos que imparten bacharelato, de maneira que unha parte do alumnado vaise ver discriminado na aprendizaxe e na preparación da proba ABAU a respeito da maioría que si vai ter a totalidade do horario lectivo.
Estamos tamén diante dunha ilegalidade manifesta xa que se incumpre a normativa vixente que establece a docencia de 32 horas semanais no Bacharelato. Ao non garantirse a docencia telemática até completar a totalidade do horario, é contraria a dereito e anulábel en vía xudicial.
A solución implantada pola administración educativa responde unicamente a un criterio de aforro económico; en lugar de establecer desdobres e contratar máis profesorado, óptase por alternativas de ensino low cost como a semipresencialidade con horario reducido ou a instalación de mamparas. Se a isto
unimos a incertidume provocada pola administración sobre a prestación de servizos complementarios como o Plan Madruga ou os comedores escolares, o terreo está preparado para favorecer aínda máis o ensino privado.
Ainda que o colectivo máis gravemente afectado é o de segundo de bacharelato, uns 1.200 mozos e mozas en toda Galiza, a decisión tamén debe poñer en alerta ao estudantado de primeiro pois sufrirán esta mesma inxustiza no próximo curso, se non se consegue anular agora.
O BNG xa presentou unha batería de iniciativas no parlamento galego para deixar sen efecto esta medida discriminatoria e ilegal. E daremos todo o apoio ás denuncias e mobilizacións que están promovendo tanto o alumnado afectado como as nais e pais.
Luís Bará, parlamentario do BNG